Neste momento estás a ver “Terra e Auga”, nova identidade corporativa

“Terra e Auga”, nova identidade corporativa

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta presentou este venres día 22 de marzo a súa nova identidade corporativa “Terra e Auga, sementando a vida, preservando o futuro”. A Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Deputación de Pontevedra, o Clúster de Turismo, alcaldesas e alcaldes dos dez concellos e asociacións e colectivos representativos do tecido social, cutlural e económico estiveron presentes neste acto que tivo lugar no Pazo Pegullal de Salceda de Caselas.

A nova marca, Terra e Auga, pretende a unidade e que toda a veciñanza do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas se sintan identificados. As cores e palabras da nova marca fan un guiño á estratexia de crecemento sostible que aposta polos recursos naturais, pola riqueza da terra e pola importancia da auga que a rega e os ríos que configuran o territorio destes dez concellos.

Azul, marrón e verde son as cores que simbolizan a auga que da vida e sustento, o verde como terra fértil e o marrón como a terra que coexiona aos dez concellos do GDR Terra e Auga. Tres cores que se enlazan dun xeito harmónico ao igual que o equilibrio que a estratexia de desenvolvemento sostible do GDR quere acadar nos vindeiros anos. Tres cores que se unen para facer posible a vida ao igual que se unen os dez Concellos para coidar e potenciar os recursos naturais e patrimoniais.

Horizonte do GDR Terra e Auga

O GDR Terra e Auga avanzará estratexicamente cara un modelo de crecemento rural máis sostible e dinámico. “Cambiar o nome por un máis inclusivo e representativo supón o primeiro paso dunha nova etapa para o GDR na que potenciaremos o desenvolvemento socioeconómico sostible, endóxeno, harmónico do noso territorio de actuación a través da xestión do programa LEADER e outras fontes de financiamento público/privado” salienta o presidente do GDR e alcalde de Covelo, Pablo Castillo.

Durante o evento tamén se presentou a nova estratexia Leader 2023-2027 adiantando os eixos fundamentais nos que se traballará e os criterios de baremación para puntuar as solicitudes de proxectos. O xerente do GDR, Paco González, adiantou as principais liñas nas que se sustenta a estratexia de crecemento baseadas en consolidar un novo modelo económico a través da diversificación de actividades produtivas e mellorar a competitividade do tecido produtivo local que xere emprego de calidade. Ademais apostarase pola conservación e mellora do medio ambiente, do patrimonio histórico, etnográfico, e a súa posta en valor como elemento clave do desenvolvemento do territorio. Por último, traballarase para mellorar os estándares de calidade de vida minimizando o risco de exclusión social en colectivos desfavorecidos e vulnerables, fomentando a igualdade real e efectiva de mulleres e homes en todos os ámbitos da sociedade e fornecendo o tecido asociativo para que constitúa un referente de cohesión social no Condado Paradanta.

As áreas de traballo fundamentais serán o agro, o medio ambiente, as artes e o turismo como dinamizadores sociais, económicos e culturais do territorio.

A través da cooperación, innovación, compromiso e proactividade o GDR Terra e Auga quere ser a entidade de referencia para a veciñanza, as asociacións, as empresas e as administracións públicas que busquen cubrir necesidades, resolver problemas ou achegar ideas de mellora que repercutan no ámbito  supramanuncipal do territorio de actuación.

Baixo a metodoloxía LEADER, de abaixo cara arriba, deseñarán as accións  desenvolvemento rural adecuadas ás realidades e capacidades destas dez localidades.