Neste momento estás a ver Cooperativa Condado Paradanta, artesanía do Requeixo

Cooperativa Condado Paradanta, artesanía do Requeixo

O teléfono de Alejandro Martínez Rodríguez, xerente da Cooperativa Condado Paradanta, e artesán do Requeixo notifica a chegada dun audio de WhatsApp. Comunícase co xerente para felicitalo polo produto que lle acaba de ser entregado. “Rapidez no envío, coidado na presentación e un produto excepcional”, Alejandro sorrí e comenta orgulloso que iso é xusto o obxectivo co que traballan a diario, “este  audio de whatsapp eloxiando o noso produto e a axilidade no envío é moi satisfactorio, amosa que obtiveron moito máis do que agardaban que é xusto a nosa máxima e o propósito do noso traballo diario.

O requeixo das Neves xa é coñecido en toda España e Portugal, a súa tenda online facilita e simplifica a compra e a tan só un clik podemos degustar un produto da máxima calidade. Xusto hai agora un ano que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural, concedeu á Cooperativa Condado Pardanta o selo de Artesanía Alimentaria, un recoñecemento que acredita que é unha produción artesá, das mans do produtor directo ao consumidor. A este selo súmase a certificación SICTED que tramitaron da man do GDR Condado Paradanta, “os selos de calidade son un respaldo ao noso xeito de facer e de ser, que asegura calidade e cando acollemos aos visitantes nas nosas instalacións saben que están nun lugar que recolle a tradición dos nosos antergos e a sabedoría das nosas familias”.

A Cooperativa xera cinco postos de traballo no rural que aunan dedicación e cinco ingredientes máis: leite, coallo, fermento láctico, tradición e agarimo. Dende aquel mes de febreiro do ano 2002 que decidiron enxalzar aquel alimento que os deuses lles daban aos seus fillos. O requeixo estivo presente nas cociñas tradicionais e agora tamén na cociña moderna. “Grandes cociñeiros elaboran pratos doces e salgados, primeiros, segundos e postres cos nosos requeixos”, engade Alejandro Martínez Rodríguez.

Feira do Requeixo

Nestes días a Cooperativa Condado Paradanta está en plena produción, das cinco persoas pasan ás dez que traballan intensamente e de xeito artesá para elaborar os 1.200 ou 1.300 quilos que se consumirán na XXXI Feira do Requeixo e do Mel de As Neves. Estas mans farán posible que o venres e sábado santo, este ano 29 e 30 de marzo, os milleiros de visitantes que se acheguen ao Concello das Neves poidan degustar este produto bañado en mel. “O requeixo é a alma da festa e a festa é un dinamizador potente do noso concello, con actividades, música e un ambiente festivo no que compartir”.

A festa tamén acollerá a cuarta edición do concurso de receitas de requeixo no que alumnado das escolas de hostalaría de Galicia e de Portugal compiten con novidosas e suculentas propostas culinarias. “O concurso é unha ferramenta ideal para dar a coñecer o requeixo entre os futuros restauradores e notamos que cada vez se interesan máis. A feira é moi importante pola oferta de actividades, boa música e para dar a coñecer o requeixo e o mel”.

Alejandro Martínez valora o traballo en equipo e os servizos que posibilita contar cun Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), “é imprescindible porque ofrece asesoramento e coñecemento das liñas de subvención, de feito a cooperativa comezou grazas ao apoio dos fondos LEADER. Ademais ponnos en contacto con outros produtores e colectivos comarcais e facémonos máis fortes se emprendemos iniciativas en conxunto”.

Membros da Cooperativa Condado Paradanta durante unha das feiras