Neste momento estás a ver Xera, proxecto supramunicipal de transición enerxética

Xera, proxecto supramunicipal de transición enerxética

As alcaldías do territorio do GDR Terra e Auga (Condado Paradanta e Salceda de Caselas) estudarán con expertos en economía e enxeñaría industrial a definición e planificación do proxecto Xera para a transición enerxética, o vindeiro venres, 5 de abril no Centro de Emprendemento Dinamización Empresarial de Ponteareas ( CEDEP).

Favorecer a transición ecolóxica do territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga é un dos obxectivos transversais da estratexia de desenvolvemento local (EDLP) 23-27 “Reverdecendo” que guiará o futuro dos concellos de A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

Centrados en mellorar os estándares de calidade de vida e na conservación e mellora do medio ambiente o GDR Terra e Auga celebrará unha xornada formativa e informativa sobre a transición enerxética no seu territorio este venres día cinco. As nove e media da mañá no Centro de Emprendemento Dinamización Empresarial de Ponteareas (CEDEP) daranse cita as dez alcaldías para coñecer o papel das entidades locais nas comunidades enerxéticas locais (CEL) da man do Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, director de transferencia do CISPAC e coordinador do proxecto LIFE EC4RURAL, Xabier Simón.

Tamén afondarán no papel do sector empresarial local na transición enerxética e nas sinerxias e posibles alianzas coas entidades locais con Alfonso Fernández, enxeñeiro industrial e director executivo da enxeñaría especializada en transición enerxética LUMEA.

Xera

Unha vez informados, alcaldesas e alcaldes, moderados polo xerente do GDR Terra e Auga, Paco González, participarán xunto aos poñentes nunha mesa redonda arredor do proxecto Xera, a definición e planificación dunha estratexia supramunicipal para a transición enerxética no territorio.

“Protexer e pór en valor o patrimonio natural do noso territorio é un dos piares da nosa estratrexia de crecemento por iso é fundamental abordar de xeito conxunto e a nivel supramunicipal a transición enerxética como un beneficio para a toda a cidadanía dos dez concellos que contribúe á vez na mitigación do cambio climático”, explica o xerente do GDR Terra e Auga.