Neste momento estás a ver Silvia Fernández, Banda de Música Xuvenil de Xinzo “É fundamental formar músicos a unha idade temperá para asegurar  a continuidade”

Silvia Fernández, Banda de Música Xuvenil de Xinzo “É fundamental formar músicos a unha idade temperá para asegurar a continuidade”

Silvia Fernández Táboas preside dende o 5 de abril do 2023 a Banda de Música Xuvenil de Xinzo (BMXX). Un ano despois fai balance e ultima a presentación da nova tarxeta de visita da BMXX, a súa nova páxina web.

Un ano presidindo a Banda de Música que a veu medrar. A que idade comeza vostede na banda de Xinzo?

Silvia: Comecei na Escola de Música da Banda de Xinzo aos seis anos. Dende ese momento, a música converteuse nunha parte fundamental da miña vida. Ao longo dos anos, tiven o privilexio de crecer e desenvolverme musicalmente nesta banda, aprendendo de músicos talentosos e dedicados. Agora, ter a oportunidade de presidir a mesma banda que me veu medrar é toda unha honra.

Dende 2017 xa exercía como tesoureira pero o feito de asumir a presidencia en que cambia a súa implicación?

Silvia: Si, sen dúbida asumir a presidencia cambiou a miña implicación dunha maneira moi significativa. Durante os sete anos que estiven como tesoureira adquirín experiencia e coñecemento de todo o que fai falta para sacar adiante unha banda e unha escola de música pero é certo que a presidencia é unha responsabilidade moito maior. Non só se trata de tomar decisións, hai algo moito máis importante que é saber guiar un equipo, transmitirlle ilusión, mantelos unidos, compartir e logo, xuntas e xuntos, tomar as decisións.

Primeira muller presidenta da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, vostede é xa un fito na historia da parroquia, é consciente diso?

Silvia: Si, son consciente de que ser a primeira muller presidenta da BMXX representa un fito importante na historia da nosa parroquia e na nosa banda. É unha honra e unha responsabilidade que tomo con humildade e alegría. Ademais, é un símbolo dos avances cara a igualdade de xénero na nosa sociedade.

Como presidenta, o meu obxectivo é traballar para continuar coa traxectoria de crecemento da nosa asociación, fomentando un ambiente inclusivo onde todos os membros poidan crecer e prosperar musicalmente.

No ano 1979 o mestre José Guillén Lorenzo lanzaba a Banda de Música Xuvenil cun grupo de rapaces, vostede aínda non nacera… imaxinábase de pequena sendo a presidenta da banda?

 Silvia: Certo, aínda non nacera. Sen embargo, dende que era unha nena, a música sempre foi unha parte fundamental da miña vida.

Aquí aprendín valores fundamentais como o traballo en equipo, a disciplina, a perseveranza e o respecto mútuo. A banda non só me brindou a oportunidade de desenvolver a miña formación musical, senón tamén me permitiu coñecer persoas incribles que se converteron en amigos e mentores para min.

Nunca imaxinei que algún día tería a oportunidade de presidir a BMXX, pero chegado o momento, adquirín o compromiso de continuar co que no 79 comezou o mestre Guillén.

No seu nomeamento adiantou que traballaría en tres liñas:  consolidar a transformación dixital da asociación, mellorar a transparencia e igualdade na toma de decisións; a comunicación, cohesión e coordinación coa banda e seguir sendo un referente no eido musical da provincia. Como fomos avanzando?

Silvia: Estamos a piques de presentar a nova páxina web da BMXX que nos permitirá realizar xestións, trámites e obter información. Esta nova páxina web tamén será unha boa ferramenta para comunicar o que facemos, quen somos e como somos. En canto á igualdade na toma de decisións, establecemos procesos transparentes para a elección de repertorio, planificación de actividades e asignación de responsabilidades, fomentando un ambiente de apertura e participación, onde todos os membros teñen voz e voto en asuntos importantes que afectan á asociación. En canto ao noso estatus como referente musical da provincia, seguimos traballando moito para manter e mellorar a nosa calidade artística. Participamos en diversos eventos, que nos axuda a consolidarnos como unha das mellores bandas.

Digamos que é a líder dunha empresa de preto de sesenta músicos, que hai que ter para poder coordinar un grupo tan numeroso?

Silvia: Primeiro e antes de nada un fondo coñecemento da profesión no eido musical pero tamén do sentir dun músico, non perder de vista os obxectivos e a finalidade da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, non esquecer os principios que nos acompañan dende a orixe, saber escoitar, non tomar decisións apresuradas e recoñecer o talento de cada unha das persoas que forman a banda.

Pero ademais hai unha escola de música que xestionar con nivel inicial, elemental e complementario

Silvia: É fundamental transmitir e formar músicos a unha idade tan temperá para asegurar a renovación e a continuidade da banda, isto garante que a BMXX teña novos compoñentes que se integren a medida que outros a deixan. Ademais contribúe ao desenvolvemento persoal e educativo dos mozos e mozas e fortalece un dos sinais de identidade máis fortes da nosa parroquia.

E unha fundación, a primeira fundación de interese galego que se constitúe a partir dunha banda de música, por que a fundación?

Silvia: A constitución dunha fundación proporciona numerosos beneficios e oportunidades para a BMXX porque axuda a garantir a sustentabilidade financeira e operativa a longo prazo da asociación. Ademais é un vehículo eficaz para xestionar os recursos financeiros, doazóns, e patrocinios que recibimos, creando fondos permanentes, axudas para adquisicións de instrumentos e desenvolvendo proxectos como a organización de festivais, eventos culturais, gravacións…  e así asegurar a continuidade da actividade da BMXX.

Máis de sesenta músicos baixo a batuta do director Rodrigo Iglesias Silva. A presidenta tivo algunha vez gañas de ser a directora?

Silvia: Non, a música non é a miña profesión. Para min é unha afección e un compromiso ademais, ser directora da banda de música require habilidades técnicas e artísticas específicas, así como unha profunda compresión da música e do traballo como músicos. Hai que ter a capacidade non só de dirixir ensaios e concertos, senón tamén de inspirar e motivar aos músicos, seleccionar o repertorio adecuado e manter a calidade artística e o rendemento da banda.

A BMXX é socia do GDR Terra e Auga, cal considera que é a importancia do Grupo de Desenvolvemento Rural?

Silvia: Moita porque o GDR é capaz de unir asociacións, colectivos, sector público e sector privado, facer dos dez concellos un territorio competitivo, capaz, innovador e, sobre todo, sostible e respectuoso cos seus recursos. Son quen de ter unha visión máis ampla e supramunicipal, unha capacidade para contactarnos e que cada un aporte o mellor que ten. Tamén difunde e promociona a todos os colectivos asociados facendo que toda a veciñanza teña un maior coñecemento destas terras.

Banda de Música Xuvenil de Xinzo