Neste momento estás a ver Silvareira, 23 anos de aposta pola xestión forestal

Silvareira, 23 anos de aposta pola xestión forestal

Con escasa maquinaria e un equipo de catro persoas Amancio Serrapio Suárez apostou hai 23 anos pola xestión forestal como medio de vida, hoxe nutren a súa empresa arredor de 25 persoas, sete tractores, escavadoras, retroescavadoras, trituradoras de biomasa e unha boa listaxe de ferramentas e medios mecanizados.

O balance é máis que positivo, Amancio Serrapio, natural de Campo Lameiro, soubo aproveitar as oportunidades e os apoios que o Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta lle brindou a través dos Fondos LEADER. No ano 2010 conseguíu un bo respaldo de arredor de 50.000€ para mercar unha máquina de biomasa e mercar un tractor. Hoxe constrúe unha nave industrial cun apoio LEADER de 92.498,13€ €. A máquina de biomasa permítelle triturar os restos das podas e subministrar logo composteiras.

“Asesorarse, planificar e buscar recursos e apoios é fundamental para poder medrar. No GDR creron no meu proxecto e axudáronme na tramitación das axudas do programa LEADER que me impulsou nos meus comezos e que agora, novamente, me volve respaldar para poder construir unha nave”, explica Amancio Serrapio propietario de Silvareira.

Este enxeñeiro técnico forestal lidera un equipo humano que traballa en toda Galicia e tamén Asturias e León. Realizan traballos en altura, en zonas de difícil acceso, o mantemento de parques eólicos, limpan estradas e fan plantacións, entre outros moitos traballos que se suman aos de tramitación de axudas e subvencións, planificación e xestión do monte, medicións e certificacións.

Nestes anos de traballo coñece como ninguén cada pista dos montes do Condado Paradanta e do resto de Galicia. A súa ampla experiencia permítelle poder facer un balance da evolución dos nosos montes e se tivera que resumir concluiría que “se invisten máis cartos nos montes agora que antes pero queda moito por facer, por investir, por vixiar, por facer cumprir as normativas e por inspeccionar”.

Valor forestal

Comparte filosofía co GDR en moitos aspectos, un deles é a necesidade urxente de ordenar o ámbito forestal, plantar árbores autóctonas de crecemento lento como as frondosas xerando franxas que protexan o chan e o medio ambiente sen renunciar a franxas menos extensas de especies comerciais como o eucalipto ou o piñeiro. “No monte debe haber árbores que non teñan valor comercial pero si moito valor medio ambiental. Se entras nunha carballeira no verán notarás que estás fresco e o chan limpo, non sucede o mesmo se te resgardas nun eucaliptal e así un sinfín de diferenzas e de beneficios que ofrecen as especies autóctonas fronte as outras”.

Asegura que debemos comezar de inmediato a valorar o monte e a facer posible unha boa convivencia entre os seus distintos usos. Como exemplo ofrece a plantación por franxas, o pastoreo e o aproveitamento para fungos ou mel pero con normas que fagan posible a existencia de todas as posibilidades en equilibrio co medio natural. Ao igual que a estratexia de crecemento do GDR Condado Paradanta, “Reverdecendo”, considera indispensable reorganizar e planificar o monte para un aproveitamento harmónico e a reactivación dos terreos baldíos para que volvan producir.

“O monte precisa moitos recursos económicos para facer unha xestión axeitada. Os enxeñeiros estamos en campo pero a figura dos presidentes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común é indispensable porque son os que deseñan o futuro das súas hectáreas”. Lamenta que, en moitas ocasións, a xestión do monte só se mova polo medo ao lume e non pola importancia social, natural e mesmo económica que ten.

No seu día a día laboral está a investigación e a planificación de montes pero tamén a toma de decisións en traballos de perigosidade como no caso dos tendidos eléctricos. Investir en formación, en tecnoloxía e en ferramentas que faciliten o traballo e melloren a seguridade das e dos traballadores é fundamental segundo explica Amancio “por iso é tan importante que existan organismos e institucións que te axuden a chegar a apoios financieiros como o LEADER a través do GDR”.

En común co Grupo de Desenvolvemento Local Condado Paradanta tamén está a súa aposta pola calidade e por iso Silvareira está certificada coa ISO 14001 de sistemas de xestión ambiental e a 9001 de prevencion, mellora e protección medioambiental.

“Os fondos LEADER non só permiten a posta en marcha de moitas iniciativas, tamén a continuidade, crecer, expandirse e actualizarse, xerar máis empregos, seguir dinamizando a economía do rural”, sinala Paco González, xerente do GDR.