Natural de Salvaterra de Miño e actual veciña de Salceda de Caselas, Lucía Guillade, doutora en Química pola Universidade de Vigo desde 2018, ocupa unha praza de
administradora de laboratorio en TeamNanoTech, no Centro de Investigacións da Universidade de Vigo, CINBIO.
Con motivo do Día Mundial
da Muller e a Nena na Ciencia, a científica do territorio do GDR Condado
Paradanta, reivindica o papel feminino nas coñecidas como carreiras STEM (ciencia,
tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Aínda que nas últimas décadas aumentou a
incorporación da muller nestes sectores, considera que se precisa unha maior
presenza nos postos directivos e de docencia.
1.- Lucía Guillade, doutora en Química pola Universidade de Vigo, cando e como xorde a túa interese pola Química?
Dende sempre souben que
me gustaban as ciencias. Xa no colexio e no instituto as materias que máis me
interesaban eran as de matemáticas, bioloxía, química, física… Ao final
decidinme pola química, a cal me parecía un reto, pero ao mesmo tempo sempre me
pareceu moi útil e interesante xa que está presente en tódolos aspectos
fundamentais da nosa vida cotiá.
2.- Despois de acadar o doutoramento, a túa carreira seguiu en Galchimia, unha compañía de servizos especializados en síntese orgánica para a industria farmacéutica, biotecnolóxica e agroquímica. En qué consistía o teu traballo?
Durante a miña estadía en
Galchimia o meu traballo centrouse principalmente no deseño de rutas sintéticas
e na síntese no laboratorio de moléculas feitas a medida, con gran interese
para a industria farmacéutica.
3.- Na
actualidade traballas no laboratorio do
grupo de investigación TeamNanoTech no CINBIO, un Centro de Investigacións da
Universidade de Vigo, para usuarios de a pé, que se investiga neste centro?
O CINBIO é un centro de
investigación multidisciplinar que conta con máis de 200 investigadores
traballando nos ámbitos da medicina, bioloxía, química, física, matemáticas e
informática.
No caso do TeamNanoTech a actividade investigadora está centrada no deseño, a síntese e a caracterización de materiais a escala nanométrica (nanomateriais) que sexan de utilidade en diversas aplicacións como por exemplo: sensores (para a detección de contaminantes, biomarcadores, gases etc), catalizadores que incrementen a velocidade das reacción químicas, portadores de fármacos selectivos e específicos, ou a integración deses novos materiais en dispositivos electrónicos para mellorar o seu funcionamento.
4.- A incorporación da muller no mundo da ciencia, parece estar sendo máis lenta do desexable, compartes esta percepción? Na túa carreira e na túa contorna, aproximadamente, se tiveras que establecer porcentaxes de mulleres e homes, como quedarían?
A incorporación da muller
no mundo da ciencia foi bastante lenta xa que tradicionalmente as mulleres non
estudaban carreiras científicas ou non tiñan a oportunidade de chegar tan lonxe
na súa carreira investigadora. De feito, moitos dos referentes actuais na
química a nivel mundial seguen sendo homes. Sen embargo, na miña xeración, e xa
dende xeracións anteriores, non notei diferenzas significativas en canto a
porcentaxes, é máis, nas últimas décadas pode ser que o número de mulleres
estudantes de química sexa superior.
Neste caso o CINBIO está ligado co Plan de Igualdade de Universidade de Vigo, e trata de impulsar o papel da muller na ciencia, contando con algo máis da metade do persoal de mulleres investigadoras e seis delas con cargo de investigadoras principais nos grupos. Aínda que os cargos de profesorado aínda os seguen a desempeñar maioritariamente homes, espérase que esa tendencia vaia mudando nos próximos anos coa promoción feminina nos órganos de dirección.
5.- En relación
co anterior, crese que un dos motivos polos que as mulleres na ciencia
representan unha porcentaxe menor que os homes, é por falta de referentes.
Compartes a opinión? Cales son as túas mulleres de referencia?
Tradicionalmente as
mulleres dedicábanse a outro tipo de estudos, máis no ámbito social ou humanístico;
por iso a falta de referentes; non porque non fosen excepcionais no seu
traballo, senón polo menor número. Isto, unido a que grandes científicas fosen
continuamente esquecidas nos libros, nos medios de comunicación xunto con
outros factores socioculturais, poden
facer que as mulleres non se sintan identificadas ou sintan que non poden
pertencer as carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
No meu caso, non podo dicir que tivese un referente claro, si que é certo que contei coa axuda de grandes profesoras e compañeiras de profesión que me ensinaron o que sei ao longo da miña curta carreira na química, e admiro o traballo de moitas delas.
6.- Que crees que é necesario para que as nenas se incorporen a estudos científicos?
O primeiro e o máis
importante é que ten que gustar. Ás veces parece que as rapazas escapan das
ciencias simplemente porque non lle gusta unha materia ou non lles agrada como
imparte clase un profesor. Isto indica que ten que cambiar o xeito de ensinanza,
para transmitir a idea de que a ciencia non é complicada de entender.
As accións para darlle visibilidade e importancia ás ciencias con charlas de divulgación, talleres, visitas a laboratorios tamén son moi importantes para que semelle algo máis accesible, útil e interesante. E por último debe darse visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito da ciencia e da tecnoloxía.
7.- Para rematar, algún consello as nenas do territorio do GDR Condado Paradanta que estean pensando en traballar en investigación ou ciencia?
O meu consello é que si
lles gusta e lles motiva que sigan adiante, a investigación non é fácil,
require moito estudo, horas, dedicación, esforzo, perseveranza e paciencia pero
cando se ven os resultados é algo moi gratificante. En Galicia temos a sorte de
contar con carreiras científicas nas tres universidades e con profesorado de
gran nivel que publican en revistas científicas de recoñecemento mundial.