Neste momento estás a ver José Miñones, delegado de Goberno de España en Galicia “O Condado Paradanta encarna o turismo verde e sostible polo que apostamos dende este Goberno”

José Miñones, delegado de Goberno de España en Galicia “O Condado Paradanta encarna o turismo verde e sostible polo que apostamos dende este Goberno”

Con motivo da aprobación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) presentada polo GDR Condado Paradanta, o  delegado do goberno, José Miñones asegura que o territorio é o exemplo do modelo turístico que dende a Administración están a impulsar. O PSTD contará con 1,5 millóns de euros para promover a enogastronomía no territorio e Miñones asegura que é un plantexamento sólido e con proxección de futuro a desenvolver nos vindeiros tres anos.

1.-  O ano 2022 é un ano no que Galicia supera tódalas previsións e acada cifras récord de visitantes, superando a media nacional. A que se atribúen os bos resultados?

Si, estamos moi satisfeitos dos resultados acadados no sector turístico en Galicia no último ano. Non podemos esquecer que vimos dunha pandemia que obrigou a paralizar por completo o sector e, afortunadamente, logramos que o turismo volvera coller forza en poucos meses. Este é un exemplo claro do efecto que estamos a conseguir co Plan de Recuperación do Goberno. O Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 serviu de palanca para reactivar Galicia como destino turístico e, por tanto, o sector. Este Plan Turístico Nacional Xacobeo desenvólvese no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, un plan que ten como obxectivo aumentar a produtividade e o crecemento potencial do país, avanzando cara a unha España verde, dixital, inclusiva, con maior cohesión social e territorial e sen fendas de xénero.

2.- O Camiño preséntase como o motor turístico da comunidade, pero que alternativas teñen os territorios polos que non pasan peregrinos, como é o caso do Condado Paradanta?

Primeiro, gustaríame apuntar que tamén Condado Paradanta se beneficia do turismo que xera o Camiño de Santiago. O Plan Turístico Nacional Xacobeo promociona Galicia como destino turístico no seu conxunto. Porque hai turistas que se quedan despois de chegar a Santiago, hai turistas que volven, e hai turistas que descobren Galicia a través do Camiño e acaban visitando paraísos inesperados coma Condado Paradanta. Dito isto, o impulso do Goberno ao turismo en Galicia non se esgota co Camiño. O Plan de Recuperación supón o exercicio de investimento público e de reformas máis ambicioso da recente historia económica de España. É a maior oportunidade para o noso país desde a entrada na Unión Europea. Neste plan, o turismo de Galicia ten moito que dicir, porque dentro desta estratexia activamos o Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico e, grazas a el, estamos a transformar o sector turístico cara á sustentabilidade ambiental, socioeconómica e territorial, así como tamén cara á dixitalización e a competitividade dos nosos  destinos. Nese contexto, o  Goberno está a dar un pulo extraordinario ao turismo en Galicia, investindo 86 millóns de euros para a súa transformación coa modernización de 34 destinos turísticos de Galicia. Condado Paradanta é un deses destinos turísticos que estamos a impulsar dende o Goberno e un claro exemplo do potencial que Galicia ten no turismo verde que vén.

3.- O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de aprobar o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) centrado na enogastronomía. Cales son os eixos do programa?

Os proxectos de sustentabilidade turística supoñen un avance na mellora da competitividade dos nosos destinos turísticos e unha aposta decidida por un novo modelo turístico aliñado cos retos da sustentabilidade, a dixitalización e a cohesión. Dende o ano 2020, o Ministerio de Industria aprobou tres convocatorias ordinarias e dúas extraordinarias, financiadas polo Plan de Recuperación, para apoiar actuacións de sostibilidade turística, nas que se atopan as 34 galegas. A convocatoria extraordinaria de 2021 tiña como eixe temático o Xacobeo e con ela estánse a financiar 13 accións de sustentabilidade turística en Galicia con 46 millóns de euros de investimento estatal.  A última convocatoria extraordinaria resolveuse o pasado 14 de decembro. En Galicia, esta resolución suma 16 accións, cunha achega do Goberno de 34,5 millóns de euros. Este ano, efectivamente, o ítem que conecta os proxectos é o turismo enograstronómico, que releva ao Xacobeo como tema prioritario da convocatoria extraordinaria. Así, os plans aprobados contemplan unha ou varias accións vinculadas a esta temática, como é o caso do Candado Paradanta. A suma do total de achegas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo dá como resultado 85,7 millóns de euros de fondos estatais en 34 destinos para crear en Galicia un novo modelo turístico baseado en criterios de sustentabilidade e de calidade ao máximo nivel internacional. Con estes investimentos, estamos a apuntalar o turismo do futuro en Galicia a través da figura dos Plans de Sustentabilidade en Destino.

4.- Que papel xogan  as entidades locais como o GDR no PSTD?

A colaboración entre as administracións é esencial. E, sen dúbida, as entidades locais de Galicia son as protagonistas do deseño e execución destas accións que dinamizarán cidades, vilas e aldeas. A execución dos Plans de Sustentabilidade corresponde ás entidades locais promotoras de cada iniciativa. O Goberno transfire o orzamento íntegro de cada proxecto ás entidades a través da Xunta. A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño son protagonistas do Plan de Recuperación, e protagonistas da transformación do modo turístico de Galicia a través da iniciativa do GDR Condado-Paradanta.

5.- Un dos proxectos aprobados foi o plan presentado polo GDR Condado Paradanta, que contará con 1,5 millóns de euros para apoiar proxectos ao longo dos vindeiros tres anos. Supón isto o inicio dun novo posicionamento turístico con proxección a longo prazo?

Sen dúbida. Ademais, o xeodestino Condado Paradanta viuse dobremente beneficiado, xa que vén de conseguir financiamento para desenvolver o seu plan de sustentabilidade turística en destino por segundo ano consecutivo. Na convocatoria de 2021 xa acadou un millón e medio de euros para o Plan de Sustentabilidade Turística ‘Condado Paradanta, unha terra entre ríos’ e en 2022, o GDR acaba de lograr outro millón e medio para  o proxecto ‘Condado Paradanta, destino enogastronómico’. Estou seguro de que ambos os dous plans impulsarán o turismo destas comarcas a longo prazo, tirando partido do seu gran potencial como destino verde e sostible. Estamos a transformar o modelo turístico de Pontevedra e de Galicia coa sustentabilidade como piar principal.

6.- Xa para rematar podería dicirnos tres motivos polos que o Condado Paradanta é un Destino Dez?

Condado Paradanta é un enclave ideal para gozar gastronomía e os viños da zona, coa posibilidade de coñecer todas as fases do proceso, desde a produción á degustación. Ofrece elementos de patrimonio etnográfico e inmaterial de gran valor. E, sobre todo, encarna o turismo verde e sostible polo que apostamos dende este Goberno.