Neste momento estás a ver As solicitudes das axudas LEADER supoñen un investimento acumulado de máis de 5,5 millóns de euros  no territorio do GDR Condado Paradanta

As solicitudes das axudas LEADER supoñen un investimento acumulado de máis de 5,5 millóns de euros no territorio do GDR Condado Paradanta

A Cañiza, 08 de febreiro de 2023.  O Grupo de Desenvolvemento Local (GDR) Condado Paradanta vén de tramitar as solicitudes das axudas da convocatoria LEADER 2023-2024 por un investimento acumulado dos seus promotores de 5.647.668,9 de euros, dos cales o 86% corresponden a proxectos produtivos.

A convocatoria, que está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado, recolle que “serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na estratexia de desenvolvemento local de cada GDR, de forma que respondan ás prioridades e aos obxectivos especificamente recollidos na mesma, sempre e cando cumpran as condicións de subvencionabilidade” que se especifican nas bases reguladoras.

De este xeito, o GDR do Condado Paradanta tramitou ata un total de 25 solicitudes, das cales 13 (52%) corresponden a proxectos produtivos, e 12  (48%) a iniciativas non produtivas.  As primeiras corresponden a actuacións de ámbito empresarial destinados á producir bens e/ou servizos, e as segundas teñen relación con proxectos que non poden ser destinados á venda, entre os que se inclúe a formación.

Investimento local

Do investimento acumulado presentando polos promotores, 4.853.217,70€ corresponden a proxectos produtivos, 706.255,81€ a proxectos non produtivos privados, e 88.195,40€ a proxectos produtivos públicos.

O presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo  destaca que o territorio contará cun investimento total  para as axudas LEADER no territorio de ata 558.027,40€, dos cales o 70% destinarase aos proxectos produtivos, o 27,5% a non produtivos e o 2,5% á formación promovida polo GDR.

A seguinte etapa do procedemento é de natureza administrativa, na que se comprobará a documentación facilitada polos solicitantes e, en caso necesario, procederase a requerir a que falte. Posteriormente, as solicitudes enviaranse a Agader que será quen finalmente resolva a concesión das subvencións.

Metodoloxía LEADER

O feito de que as axudas LEADER deben estar aliñadas coa Estratexia de Desenvolvemento Local de cada GDR obedece ao enfoque metodolóxico que se segue para deseñala. Castillo explica que a metodoloxía é ascendente (de abaixo cara arriba) “procúrase a participación cidadá do propio territorio, integrando tódolos recursos económicos e humanos que conflúan no ámbito de actuación.”

O anterior supón que a Estratexia de Desenvolvemento Rural Participativa está fixada tendo en conta a opinión, criterio, experiencia e necesidades da comunidade local, “o que garante unha maior aprobación e probabilidade de éxito das liñas estratéxicas sobre as que incidir” sinala o presidente do GDR.