Case mil hectáreas de patrimonio natural e unha masa social de cen comuneiros son os dous eixos vertebradores da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Maceira (CMVMC ) de Covelo. Asociada ao GDR Condado Paradanta (Grupo de Desenvolvemento Rural) a entidade comeza xa a preparar o seu territorio para que na primavera toda a veciñanza e turistas poidan gozar dos beneficios do seu medio natural.
Da man do GDR Condado Paradanta e con fondos LEADER ofrecen un miradoiro con vistas espectaculares en calquera data do ano. O miradoiro do Val de Tielas permite lanzar a ollada e ampliar a perspectiva, eao tempo que convida a xogar co conxunto de vales e montañas ata atopar, no infinito, parte do conxunto das illas Atlánticas.
Comunidade de Montes
Dende hai anos, a Comunidade de Montes traballa na posta en valor do seu e isto foi o que os levou a establecer alianzas co GDR Condado Paradanta e proxectar con fondos LEADER un miradoiro ubicado na estrada que sube dende Maceira ao alto de Moncelos e a mellora da contorna da Capela da Virxe da Guía, así como a ruta de sendeirismo nocturna que nos leva polos muíños en funcionamento grazas á colocación dunha turbina que aproveita a forza da auga. Ámbalas tres actuacións teñen un denominador común, ofrecer espazos de descanso nos que gozar da paisaxe á vez que se pon en valor o patrimonio etnográfico e natural e se realizan tarefas de conservación, obxectivos que comparten co GDR Condado Paradanta.
Colaboración e asociacionismo
Manuel Santiago, presidente da CMVMC de Maceira sinala que estar asociado ao GDR permite contribuír á dinamización e á promoción do Condado Paradanta e sumar iniciativas que poñan en valor o territorio, como novas instalacións ou espazos de calidade para a veciñanza e para os turistas. Así se conseguiu co acondicionamento do entorno da Capela da Guía, visitada por centos de persoas na romaría de agosto e tamén ao longo do ano. “Cada mellora que se fai, e cada novo atractivo que se ofrece, supón un avance na calidade de vida das persoas que viven no rural e tamén unha mellora da percepción e imaxe que proxectamos de cara ao exterior. Compartimos co GDR a aposta por accións respectuosas co medio ambiente e o coñecemento do valor dos nosos recursos naturais, culturais e históricos, así como a súa difusión”.
Na axenda do presidente da CMVMC de Maceira está marcado como prioritario reactivar a produción das oliveiras (sementadas no marco dun proxecto que obtivo o apoio do GDR) e deseñar unha área de parque infantil verde de alto atractivo turístico, na que as cativas e cativos atopen un lugar que esperte a súa creatividade e curiosidade en contacto coa natureza. Tamén estuda recuperar a incorporación de especies animais que axuden a manter o monte limpo e poidan xerar postos de emprego.
Facendo balance destes dous anos de presidencia, Santiago incide na importancia de asociarse e participar de xeito colaboratitvo, para sacar adiante proxectos que manteñan vivo o rural. O presidente da entidade subliña ademais que o territorio e asúas terras, dispoñen “dunha riqueza excepcional, que merece ser compartida”.
Cos únicos ingresos da venda de madeira, da subvención da Xunta de Galicia e da renda polo influencia do voo de dous aeroxeneradores da Comunidade de Montes veciña, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Maceira salienta a necesidade de facer produtivos os terreos abandonados, a través de cultivos e actividades medioambientalmente sostibles.
Así mesmo, soña con poder dotar á Comunidade de Montes con maquinaria e persoal “que devolvan a importancia que esta terra ten no eido social e económico”.