Neste momento estás a ver A EFA A Cancela en vías de ampliar  a súa oferta de ciclos

A EFA A Cancela en vías de ampliar a súa oferta de ciclos

Martes a media mañá, fóra arrecende a doce porque o alumnado do Grado Medio de Panadería, Repostería e Confeitería da EFA A Cancela de As Neves prepara as súas primeiras orellas de entroido. Na cociña todo o alumnado está ocupado e a súa profesora desvélanos un dos piares deste centro educativo de carácter concertado. “Aquí investimos tempo en coñecer a cada alumno, non se trata só de titorizar, vai moito máis aló. Gústame observalos, coñecer as súas habilidades, os seus medos e os seus soños. Só así podemos axudalos a trazar o seu presente e o seu futuro”, explica Fátima Estévez Posada. O alumnado amasa, frite, estira e prepara as bandexas con sumo detalle. O resultado son unhas exquisitas orellas de entroido, as primeiras do alumnado de primeiro ano porque nada máis pór un pé neste centro, o alumnado comeza a practicar nas aulas e tamén nas empresas. De preto acompáñao o profesorado de tódolos ciclos que visitan as empresas durante as estadías.

Aquí ven o segundo piar da EFA  A Cancela, asociado ao GDR Condado Paradanta e presidido por Mª Carmen Gil, “a realización de prácticas dende o primeiro trimestre do primeiro ano de ciclo”, segundo relata a presidenta é a mellor metodoloxía para espertar curiosidade, sentido da responsabilidade e motivación no alumnado, coincide con ela a profesora do ciclo superior de Educación Infantil, Mª del Pilar Estévez Miguéns “cando ao cabo duns meses de teoría saen á realizar as prácticas ás escolas infantis, colexios, ludotecas, aulas

de natureza… é cando se decatan da utilidade dos coñecementos teóricos e volven con máis madurez, máis gañas de prestar atención e non perder detalle”. Completa a mensaxe a presidenta engadindo “máis que o estudo teórico o tecido empresarial valora a formación como persoas, a actitude vale tanto ou máis ca aptitude por iso é fundamental transmitir valores de traballo en equipo, de resolución de conflitos, capacidade para tomar decisións…”.

Mª Carmen Gil, presidenta da EFA A Cancela

 

EFA A Cancela como clave no desenvolvemento rural

En contínua evolución a presidenta adianta que xa solicitaron á Xunta a implantación do Ciclo Superior de Transporte e Loxística e do Ciclo Superior de Marketing.

A propia presidenta relata como cada unha das súas facetas profesionais da vida enriqueceuna para nutrir a seguinte. Ela medrou con este centro, foi alumna, logo insertouse no mercado laboral e desenvolveu parte da súa vida profesional vencellada á xestión Leader sendo xerente dun Grupo de Desenvolvemento Rural para volver logo a súa terra e, logo duns anos, ser profesora no centro que a víu medrar pasando a ocupar ata o día de hoxe a presidencia. Co programa Leader e da man do GDR Condado Paradanta crearon o Museo Vivo do Pan. Co GDR comparten filosofía “os Grupos de Desenvolvemento Rural son fundamentais para a promoción do territorio porque implica a todos os sectores e fomenta a participación, o traballo en rede e o coñecemento”.

O obxectivo, segundo explica, é que descubran o que lles gusta facer e o que non, é darlle toda a información posible para deseñar o seu futuro. Por este motivo planifican o plan de alternancia (Empresa – Aula) para todo o alumnado en entidades, centros, empresas e institucións de toda Galicia, ademais das pautadas FCTs; organizan unha vez ao ano o Foro de Emprego con charlas e coloquios co tecido empresarial e cooperativo e asisten ás titorías programadas. Tamén organizan a Semana Gastro Cultural tanto para alumnado do centro como de outros. Con todo isto o alumnado entra en contacto co mercado laboral dende diferentes perspectivas e está listo para realizar a súa propia análise DAFO do sector no territorio (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades).

Coñecementos, práctica e información motivarán aos máis emprendedores a desenvolver o seu propio proxecto e encamiñarán ao mercado laboral por conta allea a outros tantos. Pero tamén haberá quen descubra que quere seguir profundizando e aposte por titulacións superiores e, como non, algunha outra persoa que se decate que, por aí non vai

Cliclos

Ademais dos tres ciclos medios regrados, Coidadores Auxiliares de Enfermería; Panadería, repostería e confeitería e Xestión Administrativa, ofrecen os dous ciclos superiores de Educación Infantil e Administración e Finanzas. Polas tardes ademais, forman para a obtención do certificado de profesionalidade de panadería e bolería para persoas en situación de desemprego.

Fátima Estevez, co alumnado do centro

Na EFA A Cancela estudan 220 alumnas/os de ciclos de F.P. A Asociación EFA ACANCELA está homologada pola Xunta para impartir 15 especialidades formativas, que son cursos de corta duración, para formar a persoas nas áreas da hostalaría – restauración e nas diferentes vertentes da xestión de empresas. Tamén se ofertan Cursos a Demanda, para colectivos Socias: Asociacións de Mulleres Rurais, Cooperativas, Asociación de Comerciantes e Empresarios….

O centro actúa como un auténtico dinamizador social, cultural e económico xa que recibe alumnado de toda Galicia e, cada vez máis, de tódalas idades.

As EFAs

Ser un dinamizador do rural acompaña ás EFAs dende o seu nacemento en Francia Maisons Familiales Rurales cando os agricultores se decataron de que sen centros de formación nas súas vilas perderían o relevo xeracional ao marcharse a mocidade a estudar fóra. A España chegou por Andalucía nos años 60 cando dous enxeñeiros agrónomos, Joaquín Herreros Robles e Felipe González De Canales, detectaron que acontecía o mesmo que no rural francés. Na actualidade en España hai 25 centros EFA, tres delas en Galicia.

A EFA A Cancela é a representante da mesa sectorial das asociacións educativas e culturais na xunta directiva do GDR Condado Paradanta.

Cafetería da EFA A Cancela