Éxito de participación e compromiso é a frase que resume o encontro mantido hoxe entre alcaldías e persoas expertas en economía e enxeñaría industrial para abordar o proxecto Xera como ferramenta que promova a transición enerxética a nivel supramunicipal.
No Centro de Emprendemento Dinamización Empresarial de Ponteareas (CEDEP) as e os representantes das entidades locais manifestaron o seu acordo ao considerar que se debe traballar para un cambio no modelo enerxético cunha planificación conxunta e de ámbito supramunicipal da man do GDR Terra e Auga que dende hoxe seguirá formándose e ofrecendo formación e información así como deseñando novos encontros nos que avanzar na lexislación e profundizar nos aspectos técnicos fundamentais para unha planificación axeitada.
Autoridades políticas e técnicos deron conta da importancia do papel das entidades locais e a necesidade de alianzas entre sector público e privado para o cambio no modelo de produción enerxética da man do Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, director de transferencia do CISPAC e coordinador do proxecto LIFE EC4RURAL, Xavier Simón, e de empresas de enxeñaría industrial.
Xera
Organizada polo GDR Terra e Auga, a reunión de traballo centrouse en estudar a viabilidade do proxecto Xera que engloba aos dez concellos do territorio para deseñar un cambio conxunto. O proxecto Xera da estratexia de desenvolvemento local e participativa do GDR será a guía que irá marcando os pasos a seguir, así o consideraron alcaldesas, alcaldes, concelleiras/os e técnicos municipais dos concellos de As Neves, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.
A creación dun modelo enerxético para o territorio que se poida replicar en cada un dos dez concellos do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas acadou o respaldo das autoridades e técnicos presentes que confían no proxecto Xera do GDR Terra e Auga o deseño do futuro enerxético no territorio. Esta iniciativa loitará contra o cambio climático, promoverá beneficios económicos, sociais e medioambientais e contribuirá na mellora da calidade de vida da veciñanza dos dez concellos.
“Protexer e pór en valor o patrimonio natural do noso territorio é un dos piares da nosa estratrexia de crecemento por iso é fundamental abordar de xeito conxunto e a nivel supramunicipal a transición enerxética como un beneficio para a toda a cidadanía dos dez concellos que contribúe á vez na mitigación do cambio climático”, explica o xerente do GDR Terra e Auga.