Neste momento estás a ver Rubén Táboas, Adega Rubén “As novas vides e a aposta polo SICTED permitirán a expansión da adega”

Rubén Táboas, Adega Rubén “As novas vides e a aposta polo SICTED permitirán a expansión da adega”

Rubén Táboas Araujo herdou de seus pais as ganas de aproveitar a terra e facer dela un selo de calidade a través dos viños Vila do Corpus, rematou os seus estudos de Química e lanzouse a cursar o máster de Viticultura e Enoloxía no EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) e agora estuda novos proxectos co inminente aumento da produción na súa adega.

A principios dos anos 90 seus pais Jorge e Susa apostaron por facer destas terras de Canedo, Ponteareas, un paraíso do Albariño e non se deben arrepentir porque todo foi a máis.

Rubén Táboas: Na actualidade estamos en 5 hectáreas porque no ano 2020 duplicamos a extensión e plantamos novas vides.

Converteron terreos de monte pouco produtivos en viñedos que agora comezarán a dar os seus froitos

Rubén Táboas:  Si, agardamos producir dez mil litros máis de viño e pasar dos 30.000 litros desta última colleita a 40.000, aumentando a produción con uvas propias.

Converter os terreos baldíos en produtivos é un dos eixos da estratexia do  GDR Terra e Auga (Grupo de Desenvolvemento Rural) , algo que tamén fixeron vostedes

Rubén Táboas: Esta terra é moi produtiva, só hai que estudala e programar cultivos acordes coas condicións naturais de cada zona. Temos unha riqueza que non apreciamos o suficiente.

“Co Grupo de Desenvolvemento Rural acadamos a certificación de calidade SICTED, un compromiso que fai que cada ano vaiamos innovando, mellorando a nosa adega, a nosa contorna, apostando polo respecto ao medio natural e empregando ferramentas máis sostibles”

Teñen o mesmo cultivo en todas as hectáreas?

Rubén Táboas: Si, Albariño, cultivamos 100% Albariño e comercializámolo baixo a marca Vila do Corpus en consonancia coa historia desta terra.

Dentro da D.O Rías Baixas, supón moita presión traballar baixo uns compromisos?

Rubén Táboas: Non e si, supón unha garantía e o beneficio dun produto recoñecido que xa ten o seu mercado e, á vez, implica estar á altura do que espera o consumidor pero iso tamén está garantido porque traballamos segundo os parámetros da Denominación de Orixe

E cales son eses parámetros?

Rubén Táboas: Os da calidade. Temos auditorías na adega e os veedores controlan todo o proceso tanto o da nosa uva como o dos nosos produtores.

Iso é bó?

Rubén Táboas: Si, moi bo. Cando tes como obxectivo a calidade non che importa que controlen o teu produto porque sabes que o estás a facer ben e porque es o primeiro interesado en que sexa da mellor calidade. Os pequenos adegueiros somos case artesáns que coidamos moito o que facemos, xa que non temos a infraestructuras o poder comercial das grandes adegas. Procuramos sacar o máximo proveito da tradición axudándonos das novas tecnoloxías. Os controis son sempre bos para garantir a procedencia.

A calidade e o mimo pola terra é un sentimento compartido co GDR Terra e Auga

Rubén Táboas: Si, co Grupo de Desenvolvemento Rural acadamos a certificación de calidade SICTED, un compromiso que fai que cada ano vaiamos innovando, mellorando a nosa adega, a nosa contorna, apostando polo respecto ao medio natural e empregando ferramentas máis sostibles. Colocamos paneis solares como parte do noso compromiso de aforro enerxético e acondicionamos a adega. Tamén fixemos un sistema de acumulación de augas da choiva e superficiais para regar o viñedo.

Que beneficios ten establecer alianzas co GDR Terra e Auga?

Rubén Táboas: Moitos, a través desta entidade establecemos tamén alianzas con outros motores socioeconómicas da comarca e nutrímonos uns a outros. Nestes intres avaliamos colaboracións en proxectos turísticos e temos un salón de catas financiado con fondos LEADER para abrilo a accións de dinamización turística. A unión fai a forza, ¿non?

Rematou os seus estudos de Química e lanzouse a cursar o máster de Viticultura e Enoloxía no EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) e agora estuda novos proxectos co inminente aumento da produción, válese vostede só?

Rubén Táboas:  É moi complexo por iso agora co inminente aumento da produción vémonos obrigados a avaliar novas vías de xestión. Ao longo do ano temos dous traballadores que dan apoio e coidan das plantas e para colleita entre dez e quince temporeiros. Precisamos ir ampliando a rede de traballo para acompañar as novas cifras de produción, os novos compromisos de calidade e actividades de dinamización nas que queremos participar.

Cal é o traballo diario na adega?

Rubén Táboas: Digamos que cada día se traballa en tres ámbitos. O mundo do viño e da agricultura. Observar as plantas e o seu crecemento, estudar posibles coidados. O outro mundo é o da adega, o traballo de enoloxía. Observar os viños porque hai milleiros de matices que poden aparecer dun día para outro. O mundo comercial de clientes e proveedores é a terceira das responsabilidades diarias do persoal da adega.

Vaia! Non se poden despistar

Rubén Táboas: Non, hai que estar moi atento, permanentemente. Calquera circunstancias climatolóxica pode mudar o froito, a planta e con iso a produción e de aí ao produto final e a planificación con proveedores, clientes…

Que tal foi a última colleita?

Rubén Táboas: Regular, houbo problemas co Mildiu debido aos constantes cambios de humidade e temperatura. A variación do clima e as restricións europeas de emprego de certos tratamentos dificultan o resultado final. É difícil entender por que Europa prohibe tratamentos fitosanitarios no viñedo a España pero os permite en Portugal. Todos somos Europa, non?

Adega Rubén
Rubén Táboas e seu pai nas súas vides
Adega Ruben - vides
Adega Rubén comercializa viños baixo a marca “Vila do Corpus”