Neste momento estás a ver A Asociación PANCONPAN advirte que sector panadeiro precisa profesionais cualificados

A Asociación PANCONPAN advirte que sector panadeiro precisa profesionais cualificados

A falta de man de obra cualificada e a definición dun novo modelo de negocio que se adapte ás necesidades actuais do consumidor son segundo Fátima Estévez, presidenta da asociación PANCONPAN, os dous maiores problemas que afronta o sector panadeiro.

O relevo xeracional das empresas configuradas como familares súmase á listaxe das cuestións que debe afrontar o sector. “As panaderías funcionan pero hai que facer moitos cambios, enfocalos como negocios que atendan ás necesidades actuais do consumidor en canto a horarios, produtos, innovación e volta á orixe nas sementes e nas fórmulas de preparación”.

Engade que os cambios tamén son indispensables na organización do traballo urxindo a modernización do sector, “non só hai que modernizar as máquinas que empregamos, tamén os tempos de preparación que deben ser respectados para un produto de maior calidade. Actualizar os ritmos de traballo e a organización dos recursos humanos. Xa non é preciso amasar de madrugada porque o novo consumidor pode ser que merque o pan pola tarde. Debemos esquecer o modelo familiar e perfilar un modelo empresarial previa análise dos fluxos dos consumidores. Quendas de traballo máis atractivos para as e os novos profesionais que á vez se adaptan aos horarios do consumidor que pode pola tarde atopar un pan recén feito”.

“Fai falta formación e non só de elaboración e preparación dos produtos tamén de como poñelo en valor, de como vendelo, de atención ao público, de promoción… temos a nosa sede no EFA A Cancela de As Neves co que colaboramos estreitamente porque forma futuros profesionais cos que procuramos traballar porque son o futuro do sector”.

Dende a súa orixe, a asociación PANCONPAN traballa para promover a investigación no eido alimentario e de cultivos, para facilitar a formación e para conectar as empresas asociadas con novas experiencias comerciais e profesionais en todo o mundo. Coincide neste senso co GDR Terra e Auga, ao que está asociado, e cre que é fundamental a cooperación e colaboración e contar con instrumentos como o GDR que informa sobre as liñas de axudas e xestiona o programa LEADER que ao igual que as EFAs promove a vida no rural.

Centrados na necesidade de deseñar iniciativas que permitan coñecer metodoloxías de traballo de proxectos exitosos, nestes meses estudan futuras actividades nas que intercambiar coñecementos con empresas de Europa.

PANCONPAN e os novos desafíos do sector

Co obxectivo de fomentar o traballo en equipo e sacarlle o máximo rendemento ás sinerxias que se establecen entre as empresas do territorio Condado, Paradanta e Salceda de Caselas, PANCONPAN organiza encontros como a I Cumbre do Pan no que empresarias/os de Alemania e Galicia intercambiaron impresións e compartiron estratexias, datos e fórmulas de xestión dos seus negocios. O víndeiro 23 de abril organizan unha xornada de portas abertas e o 30 de abril o curso de repostería creativa.

Outra das inquedanzas de PANCONPAN é o emprendemento e a formulación de novas iniciativas que vaian dende os sector produtivo ao comercializador, dende a materia prima á comercialización por iso traballa para fortalecer o vínculo a través de actividades e proxectos no que implicar a  produtores, futuros profesionais do sector e empresas alimentarias, de etiquetado, de deseño ou comercializadoras, entre outras. “Dinamizar o territorio cos recursos propios e crer no produto local e autóctono porque temos moitas posibilidades. O cereal galego é de moita calidade. Os noso terreos baldíos agardan unha oportunidade para cultivar centeo, millo do país e todo tipo de sementes imprescindibles no día a día. Poderíamos ter unha material prima excelente sen saír de Galicia”.

Fátima Estévez e Ina Blisse, inetrantes da Xunta Directiva de PANCONPAN
Fátima Estévez e Ina Blisse, inetrantes da Xunta Directiva de PANCONPAN