No marco do proxecto de cooperación de fondos Leader “Viño e Froita”, o Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta inicia a campaña de entrega de trampas contra Vespa velutina a produtores do territorio da subzona Condado do Tea da D.O Rías Baixas. O presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, e o xerente do GDR, Paco González, visitaron hoxe a adega Eido da Fonte en Valeixe, A Cañiza, un dos terreos produtivos onde xa se colocan as trampas desta campaña que reúne os principais valores do GDR: cooperación, innovación, compromiso, implicación e proactividade.
Co obxectivo de mitigar os danos producidos por pragas nos sectores vitivinícola e frutícola do Condado Paradanta o GDR entrega as trampas ás e aos produtores que participaron nas distintas actividades de investigación, recollida de datos, formación e divulgación da campaña “Viño e Froita”.
Realizada en colaboración co GDR Mariñas Betanzos e da man da Universidade da Coruña o proxecto promove a ordenación do territorio, o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e apoio para reducir o impacto das pragas (Vespa velutina, paxaros e xabaríl) involucrando ao tecido empresarial (adegas, empresas comercializadoras ou transformadoras, produtores…).
Cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia, fondos FEADER e a Administración Xeral do Estado o GDR Condado Paradanta pon o foco no sector vitivinícola por ser capaz de crear fortes relacións entre agricultura, patrimononio, paisaxe, cultura e turismo e no frutícola como alternativa de futuro.
Investigación dos danos causados polas velutinas
Grazas a esta iniciativa, que tivo unha primeira parte de investigación, por vez primeira cuantificáronse datos de danos en viñedos. María Servia, profesora da Universidade da Coruña e Yaiza Rodríguez Lueje, estudante de doutoramento e técnica contratada para esta investigación, adiantan que sería convinte seguir recollendo datos ao longo dos anos. “Algo que sabemos, porque hai evidencias, é que a poboación de Vespa velutina fluctúa pero é unha especie completamente asentada en Galicia así que pode haber máis danos ou menos ao longo dos anos pero vai haber sempre. Deberíase seguir recollendo datos e avalialos agora que xa hai unha metodoloxía porque pode ser de utilidade á hora de decidir se unha liña de negocio é ou non viable”.
Segundo as investigadoras, as trampas poden ser de axuda pero hai que ser cautos á hora de colocalas porque non son selectivas e capturan outros insectos que son necesarios para un axeitado funcionamento dos ecosistemas, como por exemplo os polinizadores que son fundamentais.
“O que recomendamos é que se instalen en zonas onde outros anos houbo danos e, sobre todo, o ano pasado porque pode haber raíñas que saian agora en primavera provintes de niños que estaban preto, pero onde non houbo danos non deben colocarse para non prexudicar a outros insectos”. Ademais, aconsellan revisar as trampas e observar que atrapan e, se non hai velutinas, conviría retiralas.
Outra das alternativas que se avaliaron no proceso de investigación foi a colocación de mallas antigraínzo. “Estas mallas si son recomendables e funcionan. O que vemos moi claro e que se reduce moito o dano por Vespa velutina e por paxaros, protexen frente a calquera dano físico como o graínzo, un pouco menos fronte ao xabaríl porque é capaz de rompelas, pero se lles custa traballo desiste. Só se instalan no momento de maduración da uva, no envero”.
O presidente do GDR adianta que seguirán apostando pola protección dos recursos da comarca e polo coñecemento da riqueza e potencialidades do territorio para activar as terras agrarias abandonadas e acadar un desenvolvemento integral, xusto e equitativo de tódalas partes que integran o territorio.