No 2017 nace un complexo rural cun concepto innovador na Cañiza, un espazo con principios e unha gran declaración de intencións. Finca Briabí aposta polo desenvolvemento dun turismo sostible que implique a toda a cadea de valor e impulse o patrimonio natural e social da contarna.
O xerente do establecemento, Bruno Antón fala da súa visión sobre o proxecto e de como a colaboracion do GDR Condado Paradanta, ademáis de ser clave no deseño estratéxico, supuxo unha apertura ao ecosistema sectorial do territorio.
Finca Briabí é un proxecto ambicioso. Como se concibe a idea de reunir nunha finca de 30.000 m², conceptos como: eventos, aloxamento turístico, agricultura ecolóxica, animais felices…? Tiveron algún modelo sobre o que inspirarse?
Quen visita Finca Briabí entende que é un lugar especial, polo que a principal fonte de inspiración é o propio espazo. Cando imaxinamos o proxecto pensamos en quenos gustaría proporcionar unha experiencia o máis completa posible ao cliente, integrar a horta, animais, aloxamento e espazos verdes, pareceunos a mellor alternativa.
De que maneira se integra Finca Briabí no desenvolvemento do xeodestino Condado Paradanta?
Creo que hai un turismo que busca isto, destinos turísticos auténticos e naturais. Creo que Finca Briabí sitúase nesa contorna máis “ enxebre”. Como característica nómade que teño, e que coñecín moitos lugares, isto non desmerece ningún outro lugar. Estamos nun enclave paradisíaco. É un lugar moi, moi especial. A Fica Briabí pretende achegar o seu gran de area neste camiño e temos todas as condicións para facelo.
Aínda que a construción inicial data dos anos 70, a reforma integral e a creación do proxecto realizouse no 2017, unha iniciativa empresarial así, require dun gran investimento. Que significou para o voso proxecto contar coas axudas LEADER que xestiona o GDR Condado Paradanta?
Era o apoio que necesitabamos para concretar o proxecto. Non só na parte financeira, senón máis ben a nivel estratéxico para deseñar o proxecto. Tamén foi un gran apoio como conexión co ecosistema que nos rodea, a nivel de persoas, autónomos e empresarios que tamén están a traballar polo xeodestino. Ese apoio de formación foi fundamental para que nos integremos e para que todo vaia ben. Sen dúbida foi clave para que isto saíse adiante.
Este ano a finca recibiu o certificado SICTED, que acredita a calidade dos seus servizos. Que supón este selo para o seu negocio?
Está dentro de noso ADN este compromiso continuo coa calidade, levámolo no sangue. Estamos aquí todos os días para mellorar un pouco. Desde un punto de vista máis global, pensamos nunha melloría en toda a cadea de valor, desde as persoas e animais ata as plantas. Todos os seres vivos que participan, a calidade está sempre inherente. É algo tan natural como respirar.
O seu modelo de negocio aposta por un destino sostible, que impacte positivamente na súa comunidade máis próxima e no medio ambiente. Como se consegue un modelo viable e que mire polo cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)?
Eu o que sinto é que o paradigma é ao revés. A propia sustentabilidade é o único modelo que vexo de viabilidade. Non vexo outro camiño, e máis a día de hoxe. O horizonte dun plan de negocio pode ser infinito, pero os recursos do planeta son limitados.
E xa para rematar, por que Condado Paradanta é un destino dez?
Por moitísimas razóns, pero particularmente porque é un destino que aproxima as persoas á natureza. É especial por todos os seus elementos. O aire que se respira é medicinal, de feito a Cañiza sempre foi un destino turístico de saúde, moitos dos visitantes que viñeron ao longo dos anos, viñan para mellorar problemas respiratorios. O aire é importante porque podemos pasar días sen comer ou sen beber, pero non podemos estar sen respirar. O que respiramos é alimento. Todo isto é Condado Paradanta. Destino 10 non, destino 100 ou un millón, témolo todo en excelente estado de conservacion, sen dúbida aquí todo son vantaxes.
Alcalde da Cañiza, Luís Piña: A posta en marcha de Finca Briabí, supón tanto para A Cañiza como para o Condado Paradanta un aporte importante na dispoñibilidade de prazas hoteleiras na zona. Para o concello en particular, a recuperación deste espazo supón un gran atractivo turístico para o visitante ademais de aportar un servizo de máxima calidade.
Presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo: Para o GDR é unha satisfacción poder colaborar con este tipo de proxectos de calidade turística, que crean riqueza e emprego e axudan a consolidar o territorio Condado Paradanta como oferta de turismo de natureza. De Finca Briabí destaca especialmente a filosofía dos promotores, que conciben o proxecto como un espazo para descansar e curar a alma. Iso transmítese en tódolos ámbitos do complexo, onde absolutamente todo é coherente co respecto pola natureza e a sustentabilidade.