Neste momento estás a ver O sector turístico do Condado Paradanta implícase na candidatura ao Plan de Sustentabilidade Turística

O sector turístico do Condado Paradanta implícase na candidatura ao Plan de Sustentabilidade Turística

A Cañiza, 11 de maio de 2022.- O GDR Condado Paradanta mantivo este mércores diferentes reunións con empresas turísticas, técnicos e concellos do territorio para escoitar a súas propostas de cara a presentación da candidatura do xeodestino ao  Plan de Sustentabilidade Turística en destino, que promove fondos europeos a través da Comisión Sectorial de Turismo. 

O obxectivo dos encontros é facer partícipes ao tódolos axentes implicados no desenvolvemento turístico da zona, para “coñecer as súas demandas e incluír a aquelas propostas que se identifiquen coa estratexia turística proposta pola Administración” aclara o presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo.

A enogastronomía como protagonista

A Estratexia de Sustentabilidade Turística en destino 2022 coincide co Plan Territorial da Xunta 2022-2025 en promover as iniciativas que contemplen a enogastronomía como eixo de desenvolvemento. Neste senso, o territorio do Condado Paradanta conta con tódolos elementos claves para gañar a candidatura “e conseguir novas fontes de financiamento que impulsen o turismo no xeodestino durante os vindeiros tres anos”, asegura Castillo.

O territorio do Condado Paradanta conta con numerosas empresas do sector vitivinícola, e cada vez son máis as que se suman ao enoturismo. Moitas das súas adegas pertencen ao Condado do Tea, a subzona da D.O Rías Baixas, que acredita a calidade e o bo facer do sector. Para o presidente do GDR, o xeodestino Condado Paradanta non pode quedarse fóra, “é unha oportunidade única para investir en proxectos que impulsen o desenvolvemento do territorio, fomenten a desestacionalización do sector e xeren emprego de calidade.”

Proceso participativo

Despois de máis de dous meses traballando na candidatura, o GDR abre o proceso para facelo máis participativo co sector, polo que despois de lanzar unha enquisa online, durante a mañá de hoxe mantivo reunións con empresarios turísticos, e con técnicos de turismo. Pola tarde realizouse a mesa de traballo coas dez alcaldías dos concellos que forman parte do GDR Condado Paradanta, Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, na que se presentaron as conclusións do procedemento. 

O prazo para presentar a candidatura remata o 17 de maio.