Neste momento estás a ver Aberto o prazo de inscrición ao programa de calidade turística SICTED

Aberto o prazo de inscrición ao programa de calidade turística SICTED

A Cañiza, 23 de maio de 2023.- As empresas turísticas do xeodestino Condado Paradanta poderán inscribirse no programa de calidade turística SICTED ata o 15 de xuño de 2023.

O proxecto SICTED é una iniciativa promovida pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) que conta co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e está xestionada polo GDR Condado Paradanta, desde 2020.

Coa última edición do programa, o territorio xa conta con 50 empresas con este selo de calidade, que non só acredita a singularidade dos seus servizos, senón tamén a profesionalidade da súa xestión.

Para  o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo “O Condado Paradanta promove o Turismo Dez e conta con tódolos recursos para posicionarse entre os primeiros xeodestinos de Galicia, polo que é preciso seguir impulsado a formación profesional neste eido, ofrecendo ao visitante unha experiencia coherente, con identidade territorial e de calidade

Programa subvencionado

As empresas do sector turístico que queiran participar do programa para acadar o distintivo poderán facelo de maneira gratuíta, xa que este está cofinanciado polo Programa LEADER Galicia 2014 -2020 da Consellería de Medio Rural e por convenios de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia.

Poden participar no programa ata 36 oficios diferentes entre os que se atopan  as axencias de viaxe, establecementos de aloxamento, comercios turísticos, artesáns, restaurantes, bares, adegas, transporte público, guías turísticos, museos, oficinas de información e empresas de turismo activo, entre outros.

 O SICTED ten validez bienal e persegue un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista dentro dun mesmo destino, “de xeito que non se aprecien diferenzas de calidade entre os diversos produtos que compoñen a oferta no destino e, con iso, condicionamentos da percepción e satisfacción dos turistas”, engade Castillo.

O programa

Durante o programa as empresas adheridas participarán dun plan de formación, contarán con visitas de asistencia técnica por parte de asesores homologados, talleres colectivos, participarán en grupos de traballo para desenvolver propostas de mellora para o destino, e deberán superar avaliacións que contrasten a adecuación do servizo turístico aos estándares de calidade. Superado o programa, as empresas recibirán o distintivo de Calidade Turística, SICTED.

As empresas interesadas en inscribirse só teñen que chamar ao 986 663 329 ou enviar un e-mail a gdr@gdrcondadoparadanta.gal antes do 15 de xuño.