O presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, e a presidenta da EFA A Cancela, María del Carmen Gil, veñen de asinar un convenio de colaboración dentro do proxecto Aula-Empresa. Baixo este programa o alumnado da EFA A Cancela, localizada nas Neves, coñece o traballo diario de distintas empresas, entidades e organizacións dos dez concellos, A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.
Grazas a esta alianza o alumnado do ciclo de Formación Profesional de Administración achegarase ao funcionamento do GDR Terra e Auga e, ao longo dunha semana por trimestre, poderá coñecer a metodoloxía de traballo, aprender novos conceptos, entender tramitación e a xestión dun grupo de desenvolvemento rural e a potencialidade conxunta dos concellos do grupo.
Alumnado da EFA A Cancela
Esta iniciativa permite ademais que as e os estudantes do territorio se acheguen a un organismo de carácter supramunicipal, que aborda liñas de traballo e perspectivas globais capaces de conectar e coordinar a emprendedores, empresas, actores sociais, culturais, artísticos, agrarios e medioambientais, entre outros, a través dun exercicio diario de cooperación e coordinación.
O alumnado da EFA A Cancela completará a súa formación colaborando no traballo en equipo que supón a xestión do GDR Terra e Auga ao tempo que “nos enriquecerá coa súa aportación e coñecementos”, matiza o presidente do GDR Terra e Auga, Pablo Castillo, “sendo a mocidade un público co que queremos traballar e que sempre temos presente no deseño das nosas accións porque son o futuro e as persoas que deben coñecer e formarse para apostar polo noso territorio”.