O Grupo de Desenvolvemento Rural do Condado Paradanta celebrou o martes, 19 de decembro, a última Xunta Directiva do ano 2023, abordando as principais áreas de traballo nas que se centrará a entidade no seguinte período 23-27.
Entre os temas que se trataron destaca a importancia da terceira adenda aos convenios de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e as diferentes asociacións de desenvolvemento local. A renovación do acordo permitirá que o GDR Condado Paradanta manteña a súa estrutura, e continúe a súa actividade habitual ao logo de 2024.
Durante a reunión, a xerencia tamén deu conta do resultado obtido na presentación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativas (EDLP), na que a do GDR do territorio “foi valorada cunha moi boa puntuación” segundo indicou o xerente, Paco González. A este respecto, tamén explicou que o bo resultado, permitirá que o seguinte período do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 23 -27, se xestionen 2,5 millóns de euros de Fondos LEADER, dos cales se espera que a primeira convocatoria se realice en 2025.
ESTRATEXIA E XEODESTINO
Na procura de fortalecer o xeodestino Terras do Condado Paradanta, o GDR acordou asinar un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a creación do Club do produto da Lamprea.
Esta acción, que xa está contemplada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da entidade provincial, será de carácter turístico e buscará dinamizar o sector a través iniciativas relacionadas coa Lamprea e a súa contorna.
Relacionado co anterior, tamén se aprobou en Xunta Directiva a presenza do xeodestino na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2024, que se celebrará en Madrid a finais de xaneiro. “Sabores e esencias do territorio” será o lema que levará o Condado Paradanta, a través dunha representación teatral que buscará promover a zona como un destino dez.