A Cañiza, 27 de marzo de 2023, O GDR Condado Paradanta organiza un ciclo de tres xornadas para debater sobre a transición ecolóxica no territorio. A iniciativa enmarcase dentro da nova fase da elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP), do programa LEADER para o período 2023 – 2027, e que xa comezou no segundo semestre do pasado ano.
O obxectivo da metodoloxía é buscar a participación da veciñanza local para coñecer as súas necesidades e a súa visión de desenvolvemento local. Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, “O GDR escoitará ás achegas de tódalas persoas participantes para despois decidir as liñas dos proxectos susceptibles de financiamento con fondos europeos LEADER”.
O presidente da entidade supramunicipal considera de “especial relevancia atender á aplicación e ao progreso da transición ecolóxica no territorio, xa que está a ser unha realidade global con repercusión directa no escenario local.”
O cumprimento da axenda 2030, que obriga aos Estados da Unión Europea a reducir un 50% as emisións contaminantes para o ano 30 e que persegue a neutralidade enerxética en 2050, supón unha adecuación do sistema enerxético non só no ámbito industrial senón tamén no social e ambiental. Por este motivo, dende o GDR Condado Paradanta, consideran necesario incorporar a transición ecolóxica “ás liñas estratéxicas de desenvolvemento, coas que deseñar o crecemento territorial e que sexa en coherencia e consonancia co resto da comunidade e do Estado.”
A participación cidadá
A primeira das xornadas, que se titula “A participación cidadá como panca para a transición ecolóxica” abordará a implicación da sociedade no ámbito comunitario, político e cidadá como motor de cambio.
Para elo participarán relatores que exporán sobre iniciativas de éxito, como é o caso de Teachers for Future, con Miriam Leiros, que tratará sobre a participación na comunidade educativa. Tamén se coñecerá a experiencia de Eo Alimenta, con Eva Quiroga, Técnica superior de xestión na Estratexia Alimentaria Participativa do Eo; e Camilo Fernández, de Inzarede, que exporá sobre a participación política.
Despois dos relatorios haberá un importante espazo de reflexión e debate, onde a participación do público asistente será fundamental e tida en conta para definir os proxectos a financiar no vindeiro período de programación 23-27.
O encontro será o venres, 31 de marzo de 19:30 á 21:45 horas no Salón Multiusos do Concello de Ponteareas.
Outras sesións
Despois da xornada do 31 de marzo, as vindeiras sesións serán o 14 de abril no concello das Neves onde se falará sobre “ A relación entre a transición territorial e a transición ecolóxica” ; e a terceira será o venres, 28 de abril en Covelo, e estará centrada na “Transición enerxética”.