Neste momento estás a ver O xeodestino Condado Paradanta acada as 50 empresas turísticas con certificado de calidade SICTED

O xeodestino Condado Paradanta acada as 50 empresas turísticas con certificado de calidade SICTED

Balneario Mondariz, 13 de marzo de 2023, O xeodestino Condado Paradanta xa conta con 50 empresas de servizos turísticos con certificado de calidade SICTED. Así se evidenciou na III Gala de Calidade Turística que tivo lugar este luns, 13 de marzo no Balneario Mondariz, e na que se entregou o selo de calidade a 29 das empresas.

Ao acto, organizado polo GDR Condado Paradanta, acudiron representantes de diversas administracións públicas como a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e as alcaldesas e alcaldes dos dez concellos que constitúen este xeodestino: Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Así como representantes do tecido socieconómico do territorio.

Con este distintivo, recoñécese o esforzo e o compromiso coa calidade dos servizos turísticos do xeodestino Condado Paradanta. Algo que, segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo “supón unha oportunidade de colaboración entre as entidades públicas e privadas para traballar en conxunto nun xeodestino de calidade e diferenciador.” Castillo apunta ademais ao turismo como gran catalizador de unión territorial e desenvolvemento rural.

Polo seu lado a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Catro destacou a natureza, o enoturísmo, a enogastronomía e o termalismo como elementos esenciais para posicionar ao Condado Paradanta como xeodestino ideal para visitar en calquera época do ano.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal convidou ás empresas distinguidas a seguir traballando pola excelencia turística; e o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo, salientou a importancia e tradición do Balneario de Mondariz para o desenvolvemento do territorio e animou a seguir traballando pola calidade turística da zona.

Novas distincións SICTED

Durante a III Gala de Calidade Turística do Condado Paradanta certificáronse por vez primeira 7 empresas de servizos, entre as que se atopan 4 establecementos de aloxamento (Hostal – Bar “O Cendal”, Vinosobroso, Balneario de Mondariz e o Hotel Cemar), 2 centros de interpretación (Castelo de Sobroso e Centro de Interpretación do Patrimonio e Local Sociocultural de Taboexa) e 1 guía de turismo (Julio Eiroa).

Renovación

Ao ser un programa bienal, 22 entidades do sector renovaron o seu certificado de calidade, entre as que se atopan 5 adegas (Eido da Fonte, Bodega Torgo, Bodegas Marqués de Vizhoja, Adega Rubén e Corisca SL) e 5 establecementos de aloxamento (A Pampla, Casa Vilamide, Hotel da Natureza Nande, Lugar dos Devas e A Cantaruxa Maruxa).
Tamén se renovou o certificado a 4 restaurantes (Casa Calviño, Restaurante Casa O Frenazo e Simoneta & Co), 2 oficinas de turismo (As Neves e Ponteareas), 2 empresas de produtos locais (Sociedad Cooperativa Agraria Condado Paradanta e Confitería Ancla) e unha axencia de viaxes (B The Travel Brand)

GDR CONDADO PARADANTA – XESTOR DO XEODESTINO SICTED

A certificación SICTED, xestionada no territorio polo GDR Condado Paradanta, acredita, a nivel nacional, a calidade dos servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes.

O xeodestino Condado Paradanta constituíse en 2020 da man do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que leva o mesmo nome. Dende entón, a entidade supramunicipal xestiona a certificación nacional e lidera as iniciativas necesarias para posicionar ó xeodestino como un destino de “Turismo dez”. A implantación do SICTED é gratuíta para o empresariado ao ser cofinanciado co Programa LEADER Galicia 2014-2020 da Consellería de Medio Rural e a convenios de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia.