Neste momento estás a ver Nace o Grupo Operativo Supraautonómico TERRANOVA

Nace o Grupo Operativo Supraautonómico TERRANOVA

Nace o Grupo Operativo Supraautonómico TERRANOVA para fomentar a remuda xeracional desde un enfoque global

A remuda xeracional na agricultura e na gandería é un dos retos máis urxentes do rural español. É un problema identificado desde hai tempo e no que numerosas organizacións, entidades e persoas traballan intensamente. Co obxectivo de mellorar a coordinación de todos estes axentes, un consorcio de socios creou o Grupo Operativo Supraautonómico TERRANOVA, que comeza estes días a dar os seus primeiros pasos.

O proxecto TERRANOVA traballará para que quen xa acompaña procesos de remuda o faga mellor, de forma máis coordinada e con máis ferramentas, e farao poñendo no centro a todas as persoas implicadas: tanto as que queren incorporarse como as que desexan ceder a súa explotación a persoas máis novas.

O proxecto despregarase en tres territorios piloto: Condado-Paradanta en Galicia, Narcea en Asturias e Busturialdea-Urdaibai en Euskadi, e aspira a escalar as aprendizaxes a outras rexións do territorio nacional. O seu obxectivo é mellorar as condicións para asegurar a continuidade das explotacións existentes e facilitar a incorporación de novas persoas ao sector, a través dun modelo de acompañamento integral, territorial e colaborativo.

TERRANOVA está coordinado pola Fundación Juana de Vega e desenvolverá accións ata o ano 2029 con públicos como mozos e mozas en proceso de incorporación, titulares próximos á cesión, técnicos de desenvolvemento rural, Administracións públicas, cooperativas agroalimentarias e organizacións agrarias.

Os integrantes do grupo están comezando a realizar entrevistas a representantes destes distintos públicos para coñecer a fondo o problema e elaborar estratexias para abordalo. Nun
encontro celebrado recentemente en Oviedo entre os seus integrantes, sinaláronse aspectos como o forte arraigo dos titulares ás explotacións e á terra, o que nalgúns casos dificulta a súa cesión. Do mesmo xeito, a complexidade da titularidade das terras constitúe outro dos principais obstáculos nos procesos de transmisión de explotacións.

Ecosistemas territoriais

TERRANOVA reforzará as capacidades das entidades que acompañan os procesos de remuda e promoverá unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados presentes en cada territorio. O proxecto creará ecosistemas territoriais para conectar servizos e recursos relacionados co acceso á terra, a formación, o asesoramento, o financiamento, a viabilidade empresarial e outros factores que inflúen na continuidade ou posta en marcha dunha explotación.

Estes ecosistemas territoriais permitirán acompañar de forma máis estruturada e personalizada tanto a remuda familiar como a transmisión de explotacións a novos emprendedores. O proxecto promoverá a transición agroecolóxica, a diversificación e a posta en marcha de novos modelos de negocio, xerando emprego e valor engadido no rural.

O proxecto comezará cun diagnóstico de cada territorio para identificar explotacións en risco de peche, oportunidades de remuda e barreiras de acceso ao sector. A partir de aí, estruturaranse e conectaranse os recursos existentes e reforzarase a capacitación dos axentes locais implicados no acompañamento. O proxecto acompañará directamente 30 proxectos de remuda ou incorporación agraria e contribuirá a mellorar as posibilidades de continuidade de 325 explotacións nos tres territorios piloto.

Tamén se crearán espazos estables de colaboración entre organizacións agrarias, administracións, entidades de desenvolvemento rural, centros de formación, servizos de emprego e outros axentes vinculados ao territorio.

Consorcio multidisciplinar

A Fundación Juana de Vega, a Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA), o GDR Condado Paradanta – Terra e Agua, a Red Asturiana de Desarrollo Rural (READER), o Centro de Innovación Territorial de Asturias (CIT Asturias), o GDR Alto Narcea Muniellos, o ADR Urremendi e a consultoría Amaterra, xunto coa colaboración do LaboraTe da USC, son os integrantes do Grupo Operativo Supraautonómico, financiado no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), cun orzamento total de 591.406,28€.