O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas está próximo á súa apertura
A Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra e Auga, ante a próxima apertura da convocatoria de axudas da intervención Leader 2025-2026 ao desenrolo de proxectos no rural galego, organiza unhas xornadas informativas en cada un dos concellos do territorio nas que se detallará e se resolverán dúbidas respecto da futura convocatoria.
Con este programa búscase promover o desenrolo das zonas rurais a través dunha estratexia participativa na que os axentes locais desempeñan un papel clave. As axudas están destinadas, entre outros, a persoas físicas e xurídicas e entidades privadas do territorio.
O obxectivo destas reunións é ofrecer a información dispoñible sobre a próxima convocatoria e as súas liñas estratéxicas, valorar os proxectos da veciñanza para comprobar se teñen posibilidades de concorrer nesta convocatoria e guiar en todo o proceso de preparación da documentación que será solicitada. O contido definitivo das bases das axudas está pendente da súa publicaión no Diario Oficial de Galicia.
Estas xornadas informativas levaranse a cabo a partir da próxima semana. O luns 28 de abril, ás 19:00 horas será na Cañiza (Salón de Plenos) e ás 20:30 horas en Covelo (Auditorio). O martes 29 será a quenda de Salvaterra (19:00 horas no Salón de Plenos) e en Salceda (20:30 horas na Casa da Cultura Castelao). O mércores 30 estarán en Crecente (18:00 horas no Auditorio) e Arbo (19:00 horas no Auditorio). A semana de reunións formativas remata o venres 2 de maio en Mondariz (19:00 horas na Biblioteca) e en Ponteareas (20:30 horas no Salón de Plenos). A derradeira reunión informativa será o luns 5 de maio en As Neves (19:00 horas na Casa da Xuventude) e en Mondariz Balneario (ás 20:30 horas no Auditorio).
O presidente do GDR Terra e Auga Pablo Castillo anima á veciñanza a asistir a estas xornadas informativas: “Cónstanos que o prazo para presentar as solicitudes é moi axustado e, por iso, queremos axudar a todas aquelas persoas que estean interesadas en presentar os seus proxectos e guialos durante todo o procedemento. Estas axudas teñen unha repercusión positiva sobre o tecido social e económico das zonas rurais, impulsando proxectos que xeran postos de traballo”.
Estas axudas, que se concederán seguindo o procedemento de concorrencia competitiva, están cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), dentro do Pepac 2023-27, e ascenden a un importe de 12,6 millóns de euros. Os fondos xestionaránse a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) seleccionados como colaboradores pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a intervención Leader. O reparto das axudas dependerá da puntuación obtida nas estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas.