As entidades sociais e económicas do territorio Condado Paradanta poderán facer as súas achegas para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) nunha xornada que se levará a cabo o vindeiro venres 22 de xullo ás 21:00 horas na Casa da cultura da Cañiza.
O Grupo de Desenvolvemento Local (GDR) do Condado Paradanta convoca ás asociacións do territorio á participar nun encontro participativo que ten como obxectivo, compartir ideas e propostas de cara á elaboración dunha estratexia de desenvolvemento local.
Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, o obxectivo é escoitar ao tecido asociativo, “entendendo que as entidades son grandes coñecedoras da zona, e coas que é preciso contar á hora de elaborar unha estratexia de crecemento sólida”.
Proceso participativo
A iniciativa do vindeiro venres enmárcase dentro do ciclo participativo proposto pola metodoloxía Leader, e na que o GDR Condado Paradanta leva semanas traballando. Despois das reunións informativas realizadas nos dez concellos que conforman o territorio, a entidade supramunicipal reunirá a entidades socias e non asociadas que queiran compartir as súas ideas de desenvolvemento local e reflexionar sobre elas de maneira colectiva.
Posteriormente e durante os vindeiros meses, serán as mesas sectoriais ás que , tendo en conta as necesidades e potencialidades de cada área, traballen en diversas proposicións, que finalmente darán paso a unha estratexia común, consensuada e de abaixo cara arriba.
Asemblea xeral extraordinaria
O mesmo venres 22 de xullo, as 20:00 horas (antes da xornada participativa), levarase acabo unha asemblea xeral extraordinaria, na que ademais de escoller á nova Xunta Directiva, aprobarase a adhesión ao GDR de novas entidades.
Segundo Castillo, durante as últimas dúas semanas, foron 20 as asociacións que solicitaron adherirse, pero lembra que o Leader é un programa “de portas abertas, polo que calquera agrupación social e económica pode solicitar integrarse no GDR en calquera momento do ano”.