A Xunta de Galicia ven de publicar no DOG dúas liñas de axudas; unha para apoiar a produción e comercialización vitivinícola e outra para subvencionar proxectos de planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas.
No referente ao sector vitivinícola, a Consellería de Medio Rural mantén aberta unha convocatoria de axuda para a elaboración de comercialización de produtos vitivinícolas, dota con 4,5 millóns de euros.
As persoas interesadas en presentar as solicitudes terán de prazo ata o 31 de xaneiro de 2024.
Serán subvencionados custos como a construción, adquisición ou mellora de bens, compra de maquinaria e equipos, gastos administrativos (ata un 4% dos custos totais). Tamén se subvencionan software e dereitos de propiedade intelectual.
As axudas son do Fondo Europeo Agrícola de Garantía e poden solicitarse por empresas, organizacións de produtores e asociacións con personalidade xurídica.
Consulta aquí as bases reguladoras do DOG do 27 de decembro de 2023.
Axudas para a planificación enerxética
No DOG do 27 de decembro tamén se publica a liña de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas para a anualidade 2024.
Os proxectos susceptibles de recibir apoio económico serán: a contratación dos servizos xurídicos e/ou técnicos precisos para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais; Contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da comunidade enerxética a partir da súa constitución.
O prazo para presentar a solicitude é do 8 de xaneiro ao 15 de maio de 2024.
Consulta aquí as bases reguladoras do DOG do 27 de decembro de 2023.