O proxecto de Cooperación LEADER impulsado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta contempla para o mes de xullo diversas actividades relacionadas co sector vitivinícola a través das cales se promoverá a identidade territorial.
Unha das actuacións a realizar consistirá no desenvolvemento de dúas catas comentadas de viño do territorio, dirixidas a empresas con selo de calidade turística SICTED. O obxectivo é fortalecer o posicionamento do viño do territorio, subzona da D.O Rías Baixas, marca recoñecida mundialmente.
O GDR do Condado Paradanta tamén se reunirá con 64 viticultores da D.O Rías Baixas con máis de 2 ha cultivadas, para coñecer as súas necesidades de superficies e ver a posibilidade de crear algún polígono agrofestal.
O Proxecto
O proxecto Viño e Froita, no que tamén participa o GDR Mariñas Betanzos, ten como obxectivo xeral explorar a viticultura e a fruticultura como novas alternativas ás terras agrarias e está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado.
De carácter bianual e busca favorecer a ordenación do territorio, o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e a mitigación dos danos causados por pragas; todo elo enmarcado nos sectores vitivinícola e frutícola dos territorios de actuación dos Grupos de Desenvolvemento Rural promotores.
Áreas de traballo
O xerente do GDR Condado Paradanta, Paco González explica as accións a desenvolver no marco do proxecto “Viño e Froita” que consisten en elaborar un estudo básico das posibilidades de crecemento das explotacións; deseñar e implementar estratexias emerxentes, ambientalmente sostibles para o control de pragas, especialmente para a velutina, paxaros e xabarís; e procurar outras alternativas para as terras agrarias abandonadas a través da identificación de cítricos no Condado Paradanta, e da mazá na zona do GDR Mariñas Betanzos.
Nas videiras semanas identificarse unha parcela no concello das Neves, que conta con 5.000m² e que servirá como terreo experimental de plantación de cítricos.
Entidades colaboradoras
Ademais do GDR Condado Paradanta e o GDR Mariñas Betanzos, participarán
como entidades colaboradoras outras organizacións, públicas e privadas, que
poidan ter interese no mesmo.
No territorio do GDR Mariñas Betanzos, colaborará o Concello de Paderne; e no do GDR Condado Paradanta, serán os concellos A Cañiza, As Neves, Covelo, Mondariz e o concello de Salvaterra.