Neste momento estás a ver A transición enerxética a través do GDR Condado Paradanta

A transición enerxética a través do GDR Condado Paradanta

A transición enerxética a través das comunidades enerxéticas. Un enfoque compartido polas entidades que participaron o martes, 6 de febreiro, na presentación do proxecto europeo EC4rural, na sede da FEGAMP, en Santiago de Compostela. A ininciativa, liderada pola Universidade de Vigo, busca impulsar comunidades enerxéticas en 22 concellos dos 280 municipios rurais galegos.

Ao encontro asistiu como relator o xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta , Paco González, quen presentou o proxecto “Condado Paradanta Xera”, recollido na súa estratexia de desenvolvemento local participativa “Reverdecendo Condado Paradanta”.

Nesta xornada o  GDR Condado Paradanta afondou, xunto ao resto dos participantes, no plan de traballo inmediato para promover a participación rural na transición cara enerxía limpas a través de comunidades enerxéticas; coñeceu as iniciativas que se están promovendo e desenvolvendo e avaliou as posibles sinerxias que se poidan xerar entre o traballo do GDR e EC4RURAL.

“Este proxecto Life, no que participan tres estados membros da Unión Europea, mira como posibles aliados aos Grupos de Desenvolvemento Rural, tanto é así que avalía implantar a metodoloxía Leader coa que traballan dende hai 30 anos os GDRs, é dicir, que os proxectos se definan de abaixo cara arriba, que sexan as entidades locais, principalmente os Concellos, os promotores e impulsores deste tipo de proxectos”, explica Paco González.

Transición enerxética activa

A estratexia de desenvolvemento do GDR de cara aos vindeiros anos xa contempla ser parte activa da transición enerxética motivo polo que o xerente do GDR Condado Paradanta compartíu co público “Condado Paradanta Xera”, unha iniciativa que pretende dar un servizo á poboación facilitando o aforro enerxético e a implantación dunha economía verde de escala; fomentar a cultura da enerxía innovadora para crear un entorno medioambientalmente sostible e establecer canles colaborativas comunitarias coa fin de facer realidade a creación da primeira comunidade enerxética comarcal.

Condado Paradanta Xera pretende crear ese novo modelo enerxético no noso territorio e que os produtores, veciñas/os e entidades locais se beneficien da enerxía que poidamos producir no territorio. É a oportunidade que ten o rural de beneficiarse do que se produce no seu espazo xeográfico”, engade o xerente do GDR.

Ao igual que “Condado Paradanta Xera”, o proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa en Europa ao tempo que se garante a participación activa dos axentes locais, evitando que sexan deixados de lado nestes procesos. O proxecto garantirá que as comunidades rurais formen parte e se beneficien dos procesos da transición enerxética limpa fomentando a creación de comunidades enerxéticas rurais para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos.

Nesta liña de traballo no pasado ano, o GDR Condado Paradanta organizou un ciclo de xornadas dando a coñecer o concepto de comunidades enerxéticas e modelos que se estaban a desenvolver.

EC4Rural e transición enerxética

A acción de EC4RURAL aborda o cambio nos comportamentos dos consumidores e empresas, para facilitar un maior diálogo e investimento conxunto dos actores públicos e privados (inalcanzable a nivel individual), tal e como establece o Pacto Verde Europeo para promover unha transición enerxética xusta e equitativa. O proxecto tamén contribuirá ao desenvolvemento rural dentro da nova Política Agraria Común, así como ao Pacto Rural Europeo e á Política de Cohesión Territorial.

EC4RURAL porá en marcha este novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos en Estonia e España, cun total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais, co obxectivo de propiciar a replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, a través das actividades de comunicación, divulgación e explotación levadas a cabo coa rede de socios e colaboradores externos.

EC4RURAL reúne a un grupo de 10 entidades que compoñen un consorcio multidisciplinar situado en 3 países diferentes da UE (España, Estonia e Bélxica). O consorcio está liderado pola UVIGO e participan diferentes autoridades públicas locais e autonómicas, xunto con diferentes entidades capaces de proporcionar aos concellos, cidadáns e pemes o apoio necesario para desenvolver, implantar e controlar as comunidades enerxéticas rurais.