Neste momento estás a ver Rocío Barreiro, Doutora “Ás nenas do territorio do GDR Terra e Auga que estean pensando en traballar en investigación ou ciencia, eu animaríaas a facelo sen limitarse nunca e alimentando a súa curiosidade”

Rocío Barreiro, Doutora “Ás nenas do territorio do GDR Terra e Auga que estean pensando en traballar en investigación ou ciencia, eu animaríaas a facelo sen limitarse nunca e alimentando a súa curiosidade”

Rocío Barreiro, natural do Concello das Neves, converteuse en Doutora ‘cum laude’ pola UVigo coa súa tese de doutoramento “Composición química e capacidades desoxidantes dos produtos obtidos de camelias de Galicia”. Co gaio da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, no GDR Terra e Auga falamos con ela e aquí vos deixamos a nosa conversa.

Gústache o té?

Si. Son unha ‘tealover’, como se adoita dicir. Antes de aterrar no mundo da camelia, tomábao con frecuencia e despois de coñecer todo o que hai arredor do té, namorei definitivamente desa bebida; que é moito máis consumida do que pensamos!

Como chega unha moza das Neves a converterse en doutora ‘cum laude’ coa tese de doutoramento “Composición química e capacidade desoxidantes dos produtos obtidos de camelias de Galicia”? Como nace esa atracción pola investigación?

Foi un camiño longo. Esa moza foi descubrindo dende a adolescencia que lle encantaba o mundo da química e cando xa estaba estudando a licenciatura sentiu que dentro das múltiples posibilidades que lle daba ese mundo, había un que lle espertaba especialmente o interese: poder coñecer a composición das cousas. Así especializouse na Química Analítica, primeiro en Vigo e logo en Barcelona, onde xa tivo contacto co mundo da investigación. Unha vez decidiu dar o paso ao mundo laboral entrou a traballar na Estación Fitopatolóxica Areeiro, como química responsable do laboratorio onde se producía e analizaba o aceite de camelia, e tamén se elaboraba o té. Pasados os primeiros meses, a xefa de servizo do centro, a Doutora en Bioloxía Carmen Salinero, propúxolle a realización dunha tese de investigación do aceite de camelia, que despois ampliamos incluíndo o té; e que aceptou encantada. Despois viñeron uns anos apaixonantes nos que compaxinaba o traballo ordinario coa investigación tanto en Areeiro como na Universidade de Vigo, dacabalo entre Pontevedra e Vigo. Pero sobre todo, foron anos de aprendizaxe e de valorización aínda máis, do que me rodea; xa nunca volvín observar igual as camelias. Ademais, era para min moi motivador poder transformar a miña curiosidade en coñecemento e valorización do medio.

O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia. Cales foron as túas mulleres referencia no ámbito profesional e de investigación? Consideras que tes algunha semellanza con elas?

As miñas referentes inicialmente eran as clásicas, a todas nos vén á cabeza Marie Curie porque ademais, no meu caso, estudei grande parte do seu traballo. Pero no meu entorno fun atopando mulleres anónimas que foron deixando pegada, a primeira foi unha tía que tamén estudou química, e despois, tanto no período de formación como no traballo e durante a investigación houbo moitas mulleres que me inspiraron. Adoitamos dedicarlle moita paixón ao traballo investigador, e iso contáxiase!

En canto ás semellanzas coas miñas referentes, penso que a curiosidade e o inconformismo; son dúas calidades que comparto con elas.

Que materia centra neste momento o tempo e os esforzos da Doutora Barreiro no campo laboral e de investigación?

Neste momento estou ampliando a miña formación. Algo que sempre me encantou é aprender, non só daquilo no que me especialicei; e a mesma curiosidade que aplico cando traballo ou investigo é a que me leva a querer saber de todos os saberes.

As mulleres na ciencia representan unha porcentaxe menor que os homes, Que motivos identificas dende dentro? Esta tendencia estase a equilibrar nos últimos anos?

Aquí hai que diferenciar campos. Nas ciencias clásicas (química, bioloxía, medicina…), somos maioría, e vese tanto nas aulas como nos laboratorios de investigación. No eido científico-técnico si somos unha porcentaxe menor, porque historicamente foron áreas asociadas aos homes; e nin sequera se lles propuñan como opcións a estudar ás mozas. Por sorte, o esforzo de moitas mulleres inconformistas que ao longo da historia foron movendo marcos e derrubando muros, esta vén mudando dende hai anos e penso e agardo que chegue a equilibrarse; pois temos demostrado que somos igual de válidas que os homes para desenvolver traballos técnicos como as enxeñerías.

O notorio que o territorio do GDR Terra e Auga é propicio para a camelia pero, máis alá da túa investigación, é sostible un proxecto dunha plantación de camelias con fins comerciais? O rural do Condado Paradanta é un bo lugar para elo?

A camelia dános moitas oportunidades. A flor embelece os espazos e pode crear lugares de visita. Coas follas da Camellia sinensis podemos obter té e comercializalo con facilidade, xa hai plantacións comerciais no país. E finalmente, das sementes dalgunhas especies moito máis presentes e coñecidas para nós como a Camellia japonica; que é a que nos vén á mente cando falamos de camelia; podemos obter un aceite de gran valor e escasa presenza en Europa. De todas as opcións, se pensamos en sostibilidade e no rural do Condado Paradanta, eu si creo que é viable unha plantación de camelia da especie Camellia japonica escollendo variedades non híbridas e de flor simple para a obtención de aceite; porque é das especies mellor adaptadas ao noso medio e, polo tanto, máis doada de coidar. Ademais, o produto obtido ten un elevado valor engadido polas súas propiedades.

Para rematar, algún consello as nenas do territorio do GDR Terra e Auga que estean pensando en traballar en investigación ou ciencia?

Ás nenas do territorio do GDR Terra e Auga que estean pensando en traballar en investigación ou ciencia, eu animaríaas a facelo sen limitarse nunca e alimentando a súa curiosidade. Se lles gusta unha área determinada de estudo, deben sentirse libres de traballar nela e a sociedade ten que axudar a que así o sintan.