O GDR Terra e Auga como entidade xestora do Xeodestino Terras do Condado A Paradanta ven de presentar en FITUR a súa proposta turística para este 2025. Nesta ocasión e da man da Deputación de Pontevedra presentaron o primeiro club de produto da lamprea de Galicia. Esta acción está enmarcada dentro do “PSTD Condado Paradanta, unha terra entre ríos”, xestionado por Turismo Rías Baixas e financiado con Fondos NextGenerationEU a través del Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia(PRTR).
En palabras de Pablo Castillo, presidente do GDR Terra e Auga e alcalde de Covelo, este club de produto forma “unha ferramenta de xestión e planificación onde empresas e entidades locais acordan traballar xuntos en colaboración público – privada para desenvolver novos produtos turísticos ao redor da lamprea”.
Horacio Gil, alcalde do Concello de Arbo onde a lamprea é bandeira, protagonizou parte da presentación, describindo moitas das fortalezas e singularidades que o Xeodestino Terras do Condado A Paradanta pode ofrecer. Un destino con paisaxes suaves, ríos, praias e sendas que nos levan a unha íntima conexión coa natureza, así como o termalismo, a enoloxía, as festas de interese turístico e, como non, á gastronomía. Todos estes factores conflúen neste club de produto co eixo central na lamprea que ademais de gastronomía é cultura, arte, patrimonio, tradición e historia dun territorio e unha comunidade. O alcalde aproveitou para convidar ao mundo a visitar Arbo na LXV Festa da Lamprea, Festa de Interese Turístico Internacional que se celebrará do 25 ao 27 de abril.
O acto foi clausurado por Luís López, Presidente da Deputación de Pontevedra. O Presidente puxo en valor todo canto rodea á lamprea máis alá do seu valor gastronómico. A lamprea do Miño capturada nas Pesqueiras ou a lamprea do Tea nas estacadas forman o punto central dunha ferramenta que permitirá identificar ás necesidades de creación do produto, organizar aos actores públicos e privados para levar a cabo as accións impulsoras do club, así como a formación aos seus socios, a desestacionalización do turismo no territorio e a promoción conxunta do Xeodestino Terras do Condado A Paradanta como un destino por descubrir na provincia de Pontevedra.