O GDR Terra e Auga pon en marcha un programa de formación composto de catro cursos que buscan incentivar o emprendemento verde no rural, ao tempo que mellorar a empregabilidade da cidadanía.
Os catro cursos, que son gratuítos para as persoas que os cursen, están aliñados coa Estratexia de desenvolvemento Local Participativa do GDR e financiados a través do Programa LEADER, que xestiona a entidade supramunicial. As persoas interesadas poderán realizar formacións introdutorias á apicultura, panadería, comunidades enerxéticas e á técnicas de extracción de resina, todas elas áreas relacionadas co contexto produtivo e económico do terrritorio do Condado Paradanta e Salcadeda de Caselas.
Formación en xuño
O primeiro curso de formación a comezar será o de apicultura, que se realizará os días 4,6, 11 e 13 de xuño. Serán catro xornadas de cinco horas de duración en horario de tarde para un total de 15 persoas no centro social das Neves. Este curso básico está orientado a persoas con interese no sector que acaben de iniciar a súa actividade ou xa a teñan en marcha.
Tamén en xuño, os días 17 e 18 terá lugar a formación en Panadería Artesá con trigos autóctonos galegos. Constará dun total de oito horas de formación que se repartirán entre as dúas xornadas (4 horas por día). Impartirase en horario de tarde nas instalacións da EFA A Cancela, das Neves. As 15 persoas participantes coñecerán o proceso completo da elaboración de diversos pans como os de fariña de callobre e caaveiro, entre outros.
Próximas formacións
A continuación terán lugar os cursos de iniciación ás comunidades enerxéticas con vinte horas de duración e o de técnicas de extracción de resinas con trinta horas. Ámbolos dous cursos de formación serán impartidos en horario de tarde.
O programa de iniciación ás comunidades enerxéticas promoverá o fomento do emprego verde e a formación de persoas, futuras xestoras de comunidades enerxéticas. Ao mesmo tempo servirá para que entidades asociadas ao GDR Terra e Auga reciban formación e poidan valorar a conveniencia de promover as comunidades enerxéticas no seu entorno máis próximo.
No ámbito forestal, tendo en conta que unha grande parte da superficie do territorio do GDR Terra e Auga é bosque, a través do curso de técnicas de extracción de resina preténdese ofrecer unha nova oportunidade produtiva para a zona.
Inscricións
As persoas que desexen inscribirse deberán contactar no número de teléfono do GDR 886 90 93 13. ou a través do correo electrónico gdr@gdrterraeauga.gal deixando os seus datos de contacto e o nome do curso no que están interesadas.