Neste momento estás a ver Xosé Manuel Fernández Prendes, Axente Zonal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. “A figura do ENIL ven garantir a necesaria protección de parte da conca fluvial do Río Alén”

Xosé Manuel Fernández Prendes, Axente Zonal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. “A figura do ENIL ven garantir a necesaria protección de parte da conca fluvial do Río Alén”

José Manuel Fernández Prendes – Veciño de Covelo – Axente Zonal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O proxecto Mixturando baséase na colaboración de diferentes axentes público – privados; dende os propios grupos de acción local, as comunidades de montes, ou as persoas físicas que aproveitarán os recursos do bosque mixto, ata os concellos e outros axentes públicos que interveñen.

A acción 4 do proxecto céntrase no aproveitamento forestal do bosque mixto atlántico, concretamente na declaración dun ENIL (Espacio Natural de Interese Local) na zona de San Xoán do Mosteiro en superficie da CMVMC de Barciademera no Concello de Covelo.

Para coñecer máis sobre a zona de actuación e a conservación do noso patrimonio natural, falamos con Jose Manuel Fernández Prendes, veciño de Covelo e Axente Zonal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Fóra do ámbito profesional, Prendes é Presidente do Grupo de Estudos do Sur da Dorsal Galega (GESDOGAL), entidade socia do GDR Terra e Auga e representante na Xunta Directiva da mesa sectorial de “Asociacións cuxo obxecto social garde relación coa protección, conservación e/ou mellora do medio ambiente”



1. Estamos en San Xoán de Mosteiro, nun entorno máxico bañado polo Río Alén, por que é tan importante este espazo dende o punto de vista de conservación da natureza?

O Rio Alén é un espazo natural ben conservado e que destaca por iso en diversos aspectos:

1) A súa excelente calidade de augas que as converten nun reservorio de calidade e pureza.

2) O seu excelente estado de conservación do leito do río, o que provoca que sexa o principal tributario do Río Tea onde desovan últímas especies migradoiras de peixes presentes no curso principal, como son o salmón Atlántico e o Reo; conta cun excelente estado e diversidade de micro e macro invertebrados fluviais. Esta combinación de calidade de augas e leito, favorece a presenza de especies de mamíferos fluviais tan emblemáticos como o Desmán dos Pireneos (Galemys pirenaicos) e a londra (lutra lutra).

3) Presenza de especies botánicas únicas ou con distribución moi reducida, predominando entre estas os fentos.

4) Excelente representación de carballeira Atlántica de fondo de val e cun óptimo estado de conservación.

5) Corredor natural entre a área montana da Serra do Suído e os fondos de Val do Tea.

 

2. Que importancia pode conlevar o feito de que se declare o ENIL?

Sen ningún lugar a dúbida fortalecerá a declaración do leito e zona de servidume do Río Alén como Rede Natura 2000. Esta declaración (de RN 2000) debería ser ampliada para incluír toda a conca fluvial, desgraciadamente na actualidade non é así polo que a figura do ENIL ven garantir a necesaria protección de parte desa conca fluvial.

3. Outra das iniciativas que se pretende co proxecto é a de acadar a certificación de servizos ecositémicos, cal é a súa relevancia?

Por un lado, a calidade excelente das augas do río Alén fan que sexan un reservorio dun elemento vital para a vida.

Por outro a presenza de especies botánicas de moi limitada distribución tamén o converten nun reservorio para posibles principios activos que poidan ser utilizados en beneficio da saúde humana.

Polo tanto, a biodiversidade que alberga o río e os seus bosques asociados ben conservados convérteno un perfecto almacén de posibles beneficios para a vida humana.

4. Outra das labores que a superficie de actuación ten é a de ser unha zona verde frondosa de corte de incendios forestais. Cal é a importancia que este tipo de espazos poden ter ante os incendios?

Gran parte da conca do río Alén, concretamente a zonal onde se vai declarar o ENIL en combinación co curso fluvial convérteno nunha devasa natural de primeira orde, evitando unha posible propagación nesa área de posibles grandes incendios forestais.

É certo que neste apartado serían necesarias actuacións para mellorar considerablemente dita acción cortalumes na marxe dereita da conca fluvial. Aí o dixo para futuras intervencións a curto/medio prazo.

 

6. Cales son as especies endémicas e en extinción que existen no ámbito de actuación?

No ámbito fluvial, a zona de desove dos últimos salmóns atlánticos e cada vez hai menos Reos presentes tanto no Río Tea coma no curso principal do Río Miño.

Temos tamén presenza de mamíferos fluviais tan bos indicadores de calidade de augas e leitos como son o rarísimo e, desgraciadamente escasísimo, Desmán dos Pireneos e a londra.

A destacar o elenco de fentos con escasísima distribución como poden ser o Blechnum spicant, Dryooteris afinis ou a Woodwardia radicans entre outros moitos.

Por útimo, no apartado de aves destaca a presenza de Bufo Real.



MIXTURANDO cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transición y Resilencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NexGenerationEU