Neste momento estás a ver Xornada sobre a creación de polígonos agroforestais para dotar de base territorial aos viticultores do Condado Paradanta

Xornada sobre a creación de polígonos agroforestais para dotar de base territorial aos viticultores do Condado Paradanta

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta organiza para o vindeiro venres, 24 de novembro unha xornada na que se analizará a creación de polígonos agroforestais para dotar de base territorial aos viticultores da zona.

Durante o encontro, exporanse as conclusións das entrevistas realizadas polo GDR á viticultores do territorio, a maioría dos cales manifestaron a súa intención de expansión e a dificultade de acceso á terras para poder facelo. “A viticultura do Condado Paradanta quere medrar e o GDR pon á súa disposición as posibilidades para conseguilo” apunta o xerente da entidade supramunicipal, Paco González.

A actuación enmarcase dentro do proxecto de cooperación LEADER “Viño e Froita” impulsado polo GDR do territorio e no que colabora o GDR Mariñas Betanzos. Este ten por obxectivo principal explorar a viticultura e a fruticultura como novas alternativas para o aproveitamento agrícola e está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado.

Polígonos agroforestais e Fruticultura

Ademais de impulsar a viticultura, “Viño e Froita” explora diferentes alternativas de novos usos para as terras agrarias abandonadas, como é a produción de mazás no territorio do GDR Mariñas Betanzos e de cítricos no Condado Paradanta.

De ámbolos dous casos se dará conta na xornada do venres, na que se abordarán os avances  da actividade desenvolvida na parcela de 5.000 m²  adquirida polo GDR e  que servirá como campo de ensaio para identificar o tipo de citricultura que se pode producir no territorio. Para elo tamén se tomará como referencia outras explotacións similares en zonas próximas á área de actuación.

Xornada 

O evento de peche do programa terá lugar o vindeiro venres, 24 de novembro, na segunda planta da Biblioteca de Mondariz, a partires das 10:45 horas e está aberto a todo o público que se inscriba antes do 23 de novembro (ese día incluído).

Ao encontro asistirá o subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Alfredo  Fernández, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, o presidentes do GDR Condado Paradanta Juan Pablo Castillo e demais persoeiros da Administración.

Entidades colaboradoras

Ademais do GDR Condado Paradanta e o GDR Mariñas Betanzos, participan como entidades colaboradoras outras organizacións, públicas e privadas con interese no mesmo. No territorio do GDR Mariñas Betanzos, colabora o Concello de Paderne; e no do GDR Condado Paradanta, os concellos A Cañiza, As Neves, Covelo, Mondariz e o concello de Salvaterra.


Consulta o programa


Rexístrate aquí