A Cañiza, 15 de novembro de 2022, O xeodestino Condado Paradanta resaltou o seu atractivo enogastronómico durante a súa primeira participación no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 22, que se celebrou en Ourense do 9 ao 13 de novembro.
Durante catro días o territorio centrouse na promoción dos seus produtos culinarios e vinícolas, visibilizando a súa calidade e ofrecendo ao visitante degustacións especiais. Cada xornada estaba destinada e unha festa gastronómica do Condado Paradanta, e mesmo algúns días realizáronse catas comentadas con viño da D.O Rías Baixas, subzona Condado e un showcooking.
Para o presidente do GDR Condado Paradanta, entidade promotora do xeodestino, Juan Pablo Castillo, “a experiencia foi todo un éxito e un exemplo de colaboración entre a administración, e entidades”. Para Castillo, a optimización dos recursos e a unión dos concellos é fundamental para que iniciativas como esta acaden os obxectivos desexados.
Festas gastronómicas
De mércores a sábado, cada día se presentou unha festa gastronómica, abrindo a programación, a festa do requeixo e mel do concello de As Neves; o xoves foi a quenda da festa do callos de Salceda de Caselas; o venres a festa da lamprea de Arbo e o sábado a festa do xamón da Cañiza.
Durante tódolos días, ademais de degustar os produtos homenaxeados, os asistentes tamén puideron probar as rosquillas de Ponteareas, a auga de Mondariz, a cervexa artesanal de Galician Brew e os viños da D.O Rias Baixas, subzona Condado. Unha experiencia realizada en colaboración do centro de formación profesional, a EFA Cancela, que prepararon os produtos de degustación ao tempo que xestionaron a atención ao público no stand do xeodestino. Segundo o xerente do GDR, “o traballo do estudantado do centro educativo foi exemplar e supuxeron un aporte crucial na promoción do territorio en Xantar22”
As catas comentadas tamén foron parte protagonista das actividades do xeodestino no salón gastronómico, nas que participaron a adega Señorío de Rubiós e a Sociedade Cooperativa Condado – Paradanta, co requeixo e mel. O showcooking correu a cargo do restaurante a Xanela Gastronómica que maridou os seus pratos con Bodegas As Laxas.
Visitas institucionais
Polo stand do xeodestino Condado Paradanta pasou unha destacada representación institucional, ademais dos alcaldes e alcaldesas do territorio tamén participaron da experiencia o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Xunta de Galicia, Diego Calvo, o conselleiro de Medio Rural, José González e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.,
Receitario
Aproveitando a natureza do evento, o GDR Condado Paradanta presentou o receitario “Condado Paradanta Sabe!” que recolle 12 receitas elaboradas con produtos de proximidade por diferentes establecementos con distintivo SICTED.
Segundo Juan Pablo Castillo, o obxectivo é por en valor os produtos da zona e fomentar unha cociña máis consciente e responsable entre a cidadanía. “Os produtos galegos son de gran calidade e poder cociñar produtos de tempada, ademais de reducir os custos de transporte, tamén impulsa a economía local.”
Castillo salienta ademais que o feito de que as receitas sexan propostas por establecementos con distintivo de calidade SICTED, ofrece un selo de garantía que beneficia non só a quen as poña en práctica, senón tamén ao propio Condado Paradanta.
A presenza do xeodestino Condado Paradanta foi financiada con fondos Leader 2014 – 2020.