Neste momento estás a ver O Condado Paradanta contará con 1,5 millóns de euros para posicionarse como destino enogastronómico

O Condado Paradanta contará con 1,5 millóns de euros para posicionarse como destino enogastronómico

Mondariz Balneario,  30 de decembro de 2022.  GDR Condado Paradanta presentou este venres, en Mondariz Balneario, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) aprobado por un 1,5 millóns  de euros polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

A Estratexia aceptada para o territorio do GDR Condado Paradanta forma parte do “Plan Territorial Enogastronómico de Galicia 2023-2025”, o segundo dos plans territoriais impulsados pola Xunta de Galicia e financiando con Fondos Next Generation, a través da convocatoria extraordinaria aberta polo Goberno central en 2022.

Con esta actuación o Goberno central busca promover “un novo modelo turístico baseado en criterios de sustentabilidade  e de calidade ao máximo nivel internacional, facendo que Galicia siga sendo un referente en turismo”, segundo declarou o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones durante o acto de presentación de esta mañá. Miñones tamén quixo destacar a importancia da colaboración entre as administracións e o sector privado, conseguindo unha cogobernanza útil e produtiva para os proxectos comúns.

O do Condado Paradanta é un dos 11 PSTD aprobados para a Comunidade, promovidos polas entidades locais, que terán como obxectivo “a promoción de Galicia como un destino enogastronómico de excelencia, poñendo en valor os recursos e potenciando un dos maiores atractivos para os visitantes” segundo a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Condado Paradanta destino enogastronómico

A aprobación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino supón un novo impulso ao desenvolvemento do xeodestino Condado Paradanta, que vén promovendo o GDR do territorio desde 2018, tal e como destacou o presidente da entidade supramunicipal Juan Pablo Castillo.

Castillo quixo agradecer ao Goberno central e a Xunta de Galicia o seu compromiso co turismo de calidade e o seu apoio á sectores económicos de gran relevancia para o Condado Paradanta, como son as empresas vitivinícolas e de gastronomía.

Actuacións do PSTD

O PSTD xestionado polo GDR do Condado Paradanta contará con 1,5 millóns de euros destinados a dinamizar o turismo enogastronómico a través de diferentes actuacións.

A maioría das intervencións repercutirán no ámbito privado, “incluso aquelas que sexan executadas polo GDR, contarán co seguimento e a implicación do sector empresarial” aclarou o xerente do GDR, Paco González. Algunhas delas destinaranse ás actividades de promoción e visibilización do Condado Paradanta destino enogastronómico, para o que se financiarán actuacións de reacondicionamento de espazos degradados polos incendios, especialmente para dedicalos ao cultivo ecolóxico. Tamén  se mellorarán camiños e roteiros que conecten con puntos de interese do territorio, como é o caso dos itinerarios nas contornas de Salceda de Caselas y Mondariz.

Promoverase, ademais, a creación dun centro de transformación Agropecuario en Covelo que contará cunha dotación de 100.000€, e adecuarase a Casa do Conde, en Salvaterra de Miño, como restaurante do Museo do Viño.

Segundo detallou o xerente da entidade municipal, co obxectivo de  promover o xeodestino en diversos espazos, impulsarase o deseño dun vehículo eléctrico, o Eco Food Truck, que contribuirá á promoción dos produtos enogastronómicos en mercados próximos.

Tamén se apoiará ás iniciativas que procuren a dixitalización, a competitividade e a mellora da oferta turística enogastronómica, así como se traballará na creación dun Observatorio Turístico, que centralice a información do sector.

Liña de axudas

O Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Condado Paradanta contempla unha liña de axudas ás empresas turísticas que, segundo o xerente do GDR, ascende a un total de 134.000€ a repartir en tres anualidades.