Neste momento estás a ver O Museo da Ciencia e do Viño, referente nacional en divulgación

O Museo da Ciencia e do Viño, referente nacional en divulgación

Dende que abriu as súas portas en 2019, o Museo da Ciencia e do Viño de Salvaterra de Miño segue aumentando o número de visitantes, chegado ao millar no que vai de ano (setembro de 2024). Baixo o lema “Terra dos bos viños Albariño e Condado” e apoiado polo certificado de calidade SICTED,  ofrece un dos maiores espazos de divulgación da viticultura e enoloxía de España.

Interactivo e didáctico, supón un espazo idóneo para o goce de toda a familia, pois tal o como  recolle o rexistro de visitas, o seu público é maioritariamente familiar e persoas maiores de 60 anos. Con todo, as estatísticas demostran que se incrementan as visitas da mocidade que, organizada en grupos, amosa un crecente interese polo sector do viño.

Museo da Ciencia e do Viño e SICTED

Na liña do GDR Terra e Auga, o Museo da Ciencia e do Viño opta pola formación e a incorporación de melloras continuas, con especial atención ás novidades e novas tecnoloxías aplicadas ao sector turístico.

Por este motivo, a través da xestión do GDR, o Museo obtivo en 2020 o certificado de calidade SICTED que outorga o Sistema de Calidade Turística Español (SCTE) do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O selo recoñece a implantación de sistemas de xestión que garantan aos clientes calidade en destino, tanto nas instalacións como nos servizos prestados, liña na que traballa o Museo que promove a mellora e difusión do patrimonio. O centro tamén dispón do certificado “Q de calidade” outorgado polo mesmo organismo.

Exposición

O Museo da Ciencia e do Viño amosa ao público unha exposición na que rescata a historia do Castelo de Dona Urraca, cuxo trazado moderno pertence ó século XVII e que, xunto á Fortaleza, está declarado Ben de Interese Cultural, protección que ostenta dende o ano 1949.

Situado nun emprazamento privilexiado xunto á beira do Pai Miño que o une coa cidade portuguesa de Monçao é testumuña dunha nova tendencia de consumo de turismo de proximidade, segundo explican as técnicas de Turismo do museo.

Na tempada de verán, constataron un incremento no número de visitantes do territorio, que buscan coñecer a comarca e os seus recursos. Unha tendencia que podería incrementarse á medida que o xeodestino aumentan a súa oferta de lecer e actividades deportivas e turísticas.

O Museo da Ciencia e do Viño está enmarcado no “Espazo Público Singular de Salvaterra de Miño”, contorna tamén da Casa do Conde. Un conxunto arquitectónico que goza de distintivos de calidade e que destaca polo seu alto valor patrimonial, histórico e cultural, así como polo carácter divulgativo da súa actividade vitivinícola local.

Horario Museo da Ciencia e do Viño

Está aberto ao público de xoves a domingo en horario de 11hrs a 14hrs e de 17hrs a 19hrs. Dispón dunha APP móbil que permite que o público mergulle na na historia de Salvaterra de Miño e da tradición viticultora ao longo de pouco máis dunha hora.