A Cañiza, 01 de xullo de 2022.- Máis de 100 asociacións participaron no primeiro ciclo de reunións convocadas polo GDR Condado Paradanta en sete dos 10 concellos que integran o territorio da entidade. O obxectivo dos encontros é convidar aos actores locais máis representativos a participar de maneira conxunta no desenvolvemento local. Así mesmo, ditas reunións supoñen o inicio do proceso participativo para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa de cara á xestión do Programa LEADER 23-27, que se fará a través dun convenio de colaboración coa AGADER da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
As Neves, Salvaterra de Miño, A Cañiza, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario e Arbo acolleron as primeiras xornadas nas que as persoas asistentes amosaron gran interese en establecer canles de colaboración para impulsar diversas iniciativas de crecemento. O presidente do GDR Juan Pablo Castillo, destaca a implicación dos Concellos e agradece o “apoio e o compromiso amosado co progreso da zona Condado Paradanta”.
Castillo asegura que na actualidade “existe unha maior consciencia de identidade territorial, polo que os proxectos e iniciativas supramunicipais son acollidos con optimismo e perspectiva global.” Para o presidente do GDR á hora de traballar a favor do territorio, as entidades locais sempre suman “son actores sociais conscientes das necesidades reais e proactivos á hora de buscar solucións integradoras”.
Método de colaboración
Dependendo da súa natureza, as entidades locais (públicas e privadas) que se asocien ao GDR poderán participar de xeito directo nalgunha das 8 mesas sectoriais que dispón a organización: asociacións de mulleres, asociacións de mozos, asociacións de acción social; asociacións cuxo obxecto social garde relación coa protección, conservación e/ou mellora do medio ambiente; asociacións do sector agrario, asociacións de empresarios e agrupacións de profesionais; asociacións do sector cultural, educativo ou etnográfico e o sector público.
Así mesmo tamén se poderán levar a cabo outras iniciativas , xa que tal e como apunta Castillo, “no GDR estamos abertos a colaboracións con diferentes organismos de cara á posta en marcha e consolidación de diferentes proxectos que impliquen unha mellora para o desenvolvemento e vida do rural”.
Próximos encontros
A vindeira semana rematarán as sesións informativas, para ás que xa hai convocadas 250 asociacións. Salceda de Caselas acollerá a próxima reunión o luns 4 de xullo, no CDL Torrón ás 21:00 horas, e no mesmo horario do martes, 5 de xullo, o encontro realizarase no salón multiusos do auditorio de Ponteareas. O ciclo pecharase en Crecente, o mércores 6 de xullo, ás 21:00 horas no auditorio municipal.