Hoxe, 15 de abril, celebramos o Día Mundial da Arte e nós facémolo falando cunha veciña, con Lara Lars, nada en 1986 e natural de Salceda de Caselas, unha das voces autorizadas do territorio para falar sobre a arte.
1. Por que Lara Lars?
En realidade, é o meu nome repetido dúas veces. Na universidade había amizades que me chamaban Lars de forma agarimosa, e hoxe en día tamén ocorre con xente do meu contorno. Facíame graza que, aínda que pareza que é un nome e un apelido, sexa en realidade un nome repetido, e o feito da repetición de algo modificado ten moito que ver coa técnica que utilizo: o collage, onde a reiteración de elementos, o xogo e as modificacións son unha característica da propia técnica.
2. Coa perspectiva que tes agora mesmo, logo dos numerosos éxitos colleitados ao longo da túa vida profesional, como te definirías dentro do mundo da arte?
Como unha artista visual especializada na técnica do collage e no oficio da ilustración, é dicir, reinterpreto ideas propias ou alleas en imaxes.
Trato de explorar o collage como unha linguaxe poética e política. Combinando imaxes antigas, recortes de arquivo e a miña sensibilidade contemporánea, constrúo universos paralelos onde o feminino, o onírico e o crítico coexisten.
E supoño que tamén como unha artista cunha linguaxe propia e recoñecible: un equilibrio entre a nostalxia visual e a relectura simbólica do presente. Falando nas miñas obras desde a intimidade pero tamén desde unha conciencia colectiva. Poderíase dicir que no meu traballo artístico hai tamén humor, sutileza, forza e moita narrativa sen a necesidade de empregar palabras.
En realidade, ten moito que ver coa miña forma de ser.
Para min, o collage é o idioma no que mellor me expreso, no que o meu estilo tan marcado sería o meu acento.
3. É habitual escoitar aos propios artistas dicir que ter unha identidade propia e recoñecible é un dos principais obxectivos a acadar. No teu caso, como é o camiño que construíches para chegar a ter esa identidade que fai que observando unha das túas obras recoñecemos a Lara Lars detrás?
No meu caso poderíase dicir que fixen o camiño á inversa. Non estaba nos meus plans adicarme ao mundo do arte cando traballaba de arquitecta, pero encontrei esta maneira de expresarme con un estilo moi definido dende o principio co que me resultaba sinxelo conectar con xente que nin coñecía nas redes sociais e por outra banda expresar as miñas opinións ao meu modo. Así que pouco a pouco fun profesionalizándome e sendo consciente de que toda arte ou oficio necesita de estudo da mesma. E canto máis profundizaba neste mundo dábame conta de que a miña linguaxe visual se enriquecía e que era ao que me quería adicar.
Ser artista tamén precisa dunha forma de ser, de estar ou de mirar o mundo. E a mín gústame analizar a realidade que me rodea e dar a miña opinión, ainda que sexa en imáxenes.
4. Como Grupo de Desenvolvemento Local, o GDR Terra e Auga entre os anos 2022 e 2023 elaborou unha estratexia comarcal participativa para o período 2023-2027. O obxectivo transversal da Estratexia di: Favorecer a transición ecolóxica do Condado Paradanta coa revalorización do sector agrario e do medio ambiente, utilizando a arte como unha ferramenta innovadora para o seu reverdecemento, fomentando a equidade e a igualdade.
Cal é a túa opinión sobre o estado do rural galego e como pode a arte contribuír ao seu desenvolvemento?
O mundo rural galego ten unha riqueza cultural e simbólica e convive co contorno (sempre que non falemos de eucaliptos) dunha forma máis coherente que o que nos venden como o mundo moderno das présas, o modo de usar e tirar e a superficialidade baleira.
Aínda así, creo que o seu valor está invisibilizado, e que a filosofía do rural debería ser o noso modelo para habitar, incluso dentro das cidades. Coñecer aos teus veciños, á natureza que che rodea ou alimentármonos de distinta forma segundo a estación do ano, con produtos de proximidade comprados no mercado da praza ou da túa horta (entre outras moitas cousas), son exemplos de colectividade, de conciencia de estar no mundo real que no rural sempre se cumpre, e nas cidades non tanto.
A arte pode ser unha ferramenta poderosa para revalorizar o rural, non desde unha mirada idealizada ou externa, senón dende o recoñecemento da súa complexidade. Ten a capacidade para enmarcar unha idea ou concepto, e facer reflexionar á xente sobre ese tema que está posto no foco pola propia obra. É unha boa ferramenta para poñer en valor certas cousas nas que quizais non nos pararamos a pensar, como a riqueza e a importancia do rural.
Rematamos con dúas máis persoais,
5. De que te sentes máis orgullosa?
Quizais de ser fiel á miña visión, personalidade ou forma de ver o mundo, coa flexibilidade de que hai grises nos claros e escuros. E de que, mesmo das cousas malas ou menos amables, son capaz de sacar unha aprendizaxe das mesmas para ir enriquecendo dende a miña mirada, o meu pensamento, o meu universo creativo e, polo tanto, o meu traballo.
6. Cambiarías algo da túa vida?
Supoño que a nivel persoal non. Todo se pode facer mellor, pero os erros tamén son o que nos dá a condición de humanidade e de aprendizaxe.
A nivel social, claramente si. Actualmente, o contexto social, económico e político no que estamos vivindo paréceme moi difícil tanto de habitar como de soster (o patriarcado, o problema da vivenda, o capitalismo extremo, as loitas de poder que están a dar lugar ás guerras, a pouca conexión coa natureza ou co ecoloxismo, e a corrente actual da individualidade en vez da colectividade, etc.).
Pero por simplificar, cambiaría a inercia na que estamos inmersas polas obrigas e esixencias do mundo real, por termos todas máis tempo libre e un espazo mental para ter unha mirada máis crítica e coherente co mundo, co contorno e coa sociedade que nos rodea, e así poder ser máis coherentes coa herdanza inmaterial que lle queremos deixar ás futuras xeracións.








