No ano 2021 o GDR Condado Paradanta, subvencionou con fondos Leader, o programa que xestiona en colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, o acondicionamento da casa do Pobo de Baldomar, en Covelo. O obxectivo da reforma foi transformar este espazo nunha sala equipada correctamente, para poder traballar, estudar e acceder a internet.
O presidente da entidade promotora (Comunidade de Montes de Santa Mariña de Covelo), José Castillo considera que esta actuación contribúe a fixar poboación, xa que a súa versatilidade facilita o seu uso profesional, académico e tamén social.
¿Por que decidiron destinar este espazo ese fin?
Era un espazo infrautilizado na parroquia de Santa Mariña e tiña un uso esporádico. Nós que tamén utilizamos ese espazo, pensamos que podíamos darlle unha nova vida a ese lugar. Preparando un pouco o sitio podíamos facer que estivese algúns días da semana aberto, que fose tamén baixo demanda e que tivese acceso á rede. Pensamos en algo útil para xente maior, para nenos e tamén para outra xente que chega nova.
O proxecto contou cun investimento de 17.770€ dos cales preto do 67% se subvencionou cos fondos LEADER 2014 – 2020. En que consistiu o reacondicionamento?
Comprouse mobiliario, mesas e cadeiras de traballo, andeis e equipos informáticos, seis ordenadores, un proxector para presentacións, unha impresora e algúns outros elementos, como o acceso a internet.
As instalacións xa están en uso? Qué actividades se realizan nelas?
Xa se fan reunións e algúns veciños tamén a están a usar. Esperamos que, en breve, se poida usar para coworking, polo de agora fáltanos arranxar temas relativos a electricidade, pero agardamos que nunhas semanas xa se poida usar. Implantaremos un sistema combinado, que consistirá nunhas horas presenciais e outras horas de uso baixo demanda.
Que supuxo a subvención para o proxecto? Podería terse feito sen as axudas?
A verdade é que economicamente a Comunidade de montes podería ter feito un esforzo, pero penso que finalmente non se levaría a cabo. O GDR aportounos un moi bo asesoramento, dándonos ideas do que podíamos facer. Isto permitiu que a Comunidade de Montes colaborara con outras asociacións para poder prestar o servizo, o que facilitou traballar de forma de conxunta. Penso que non o teríamos feito se non estivera o GDR apoiando e axudándonos a deseñar ben o proceso.
A facilidade de acceso ás novas tecnoloxías é un elemento indispensable para fixar poboación no ámbito rural, que outros servizos considera necesarios para evitar que a veciñanza máis nova marche?
A dinamización do rural pode vir no futuro por unha necesidade da cidadanía. Unha volta ao rural que teña que ver coa produción primaria. O que se pretende coa aula TIC e espazo de coworking é un servizo moi demandado por novas persoas que están vindo ao rural. Xente relativamente nova, ao redor dos 30 anos que está deixando as cidades e estase vindo ao campo. Aquí, algúns necesitan teletraballar e construír unha comunidade. Non é un público que estea moi acostumado ao campo, entonces este punto poden funcionar como lugar de encontro. Tamén é útil para a xente nova que está estudando na universidade e ven a fin de semana ou en vacacións.
Juan Pablo Castillo, presidente do GDR Condado Paradanta e alcalde de Covelo:
Tanto dende o Concello como dende o GDR, valoramos moi positivamente esta actuación xa que vai orientada a dotar de servizos á poboación a través das novas tecnoloxías. Ademais, coa posta en marcha do espazo coworking estase dando accesibilidade a un espazo onde compartir coñecemento e fomentar a produtividade, facilidades similares ás que se poden atopar en concellos de maior poboación ou incluso nas cidades.