Neste momento estás a ver O GDR TERRA E AUGA IMPULSA A PARTICIPACIÓN DO TERRITORIO PARA AVANZAR NA CONSOLIDACIÓN DA VÍA MARIANA LUSO GALAICA

O GDR TERRA E AUGA IMPULSA A PARTICIPACIÓN DO TERRITORIO PARA AVANZAR NA CONSOLIDACIÓN DA VÍA MARIANA LUSO GALAICA

A Caniza acolleu un encontro territorial no que representantes institucionais e entidades vinculadas ao territorio analizaron as necesidades, fortalezas e oportunidades de futuro e coñeceron os novos recursos dixitais do proxecto.

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra e Auga celebrou este martes na súa sede, na Cañiza, un encontro territorial no marco do proxecto de cooperación Vía Mariana Luso Galaica, unha iniciativa que busca recuperar e poñer en valor o patrimonio natural, cultural e espiritual ligado a este itinerario e contribuír á dinamización dos territorios polos que discorre.

A xornada reuniu representantes institucionais, entidades sociais e persoas vinculadas á Vía Mariana, co obxectivo de compartir os avances do proxecto e, ao mesmo tempo, recoller as achegas do territorio sobre as súas necesidades, retos e oportunidades.

Durante o encontro presentáronse os principais obxectivos do proxecto e as novas ferramentas dixitais que se están a desenvolver para facilitar o coñecemento e a difusión da Vía Mariana, entre elas unha nova páxina web e un visor de recursos xeorreferenciados, que permitirán mellorar o acceso á información sobre o trazado, as súas etapas e os recursos patrimoniais e naturais vinculados á ruta.

A xornada incluíu tamén unha dinámica participativa na que as persoas asistentes analizaron diferentes aspectos relacionados co desenvolvemento da Vía Mariana, como as infraestruturas e a sinalización, os recursos patrimoniais e naturais, os servizos e o aloxamento, a cooperación territorial e a promoción e dixitalización.

No territorio de Terra e Auga destaca especialmente o carácter agreste, de montaña e rural de boa parte do trazado, con camiños tradicionais, zonas de bosque e percorridos de alta montaña que evitan, na medida do posible, os tramos asfaltados. Entre as necesidades identificadas figuran a mellora da sinalización, o mantemento periódico dos camiños e a coordinación entre concellos e comunidades de montes para garantir a conservación dos diferentes tramos.

A gobernanza e a colaboración entre os diferentes axentes do territorio tamén se sinalaron como elementos clave para a consolidación da Vía Mariana, destacando o papel dos concellos, das comunidades de montes, das entidades culturais e sociais e do propio GDR. Ao mesmo tempo, identificouse a necesidade de reforzar a promoción da ruta, tanto entre a poboación local como noutros mercados, para aumentar o seu coñecemento e visibilidade.

O proxecto Vía Mariana Luso Galaica, impulsado por varios Grupos de Desenvolvemento Rural en colaboración coa Asociación da Vía Mariana Luso Galaica, ten entre os seus obxectivos consolidar a ruta como un camiño de referencia para conectar os santuarios marianos de Portugal e Galicia, fortalecer unha rede de axentes vinculados ao seu desenvolvemento e favorecer a dinamización socioeconómica local.

O encontro celebrado na Cañiza forma parte do proceso de participación e cooperación posto en marcha para que a evolución da Vía Mariana responda ás necesidades de cada territorio e conte coa implicación dos diferentes axentes vinculados á súa promoción e desenvolvemento.