Neste momento estás a ver Julio Eiroa, GESDOGAL “Contamos cunha profunda capacitación científica e profesional no campo do medio ambiente e o patrimonio etnográfico e histórico”

Julio Eiroa, GESDOGAL “Contamos cunha profunda capacitación científica e profesional no campo do medio ambiente e o patrimonio etnográfico e histórico”

O Grupo de Estudos do Sur da Dorsal Galega (GESDOGAL), entidade membro Xunta Directiva  do GDR Terra e Auga dende 2022, achega coñecemento probado a través das súas publicacións en revistas de recoñecido prestixio científico, e avanza na catalogación da fauna e flora do territorio do Condado Paradanta e Salceda de Caselas.

Un dos seus fundadores, Julio Eiroa, considera necesario visibilizar a riqueza territorial,  darlle respaldo con criterios científicos e atopar o apoio dun colectivo experto que poida interesarse polo zona.

Cando nace GESDOGAL e por que?

-Julio Eiroa: GESDOGAL é o acrónimo de Grupo de Estudos do Sur da Dorsal Galega. Somos unha asociación para o coñecemento, protección, divulgación dos valores de patrimonio natural, histórico e cultural das serras ao sur da Dorsal Galega (Montes de Alén, Serra do Suído, Serra do Faro de Avión e Serra de Mountouto e Paradanta) así como os seus vales, ríos e poboacións. Foi conformada no ano 2021 e ten sede no Concello de Covelo.

-Sen ánimo de lucro e coa finalidade de coñecer, pór en valor e protexer. Pode unirse a GESDOGAL calquera persoa o seu grupo de estudos?

-Julio Eiroa: GESDOGAL foi fundada no seu comezo polos biólogo Santiago Barciela e Gonzalo Mucientes, o axente ambiental da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, José F. Prendes e Ángel González, xubilado xefe de brigada do SDCIF. Tamén por mín que son biólogo, fotógrafo e guía de montaña. No ano 2022 incorporouse ao grupo de estudos o biólogo Álvaro Alves e no 2023 chegaría o arquitecto e paisaxista Manuel Bugallo, polo tanto na actualidade o grupo o conforman 7 personas cunha profunda capacitación científica e profesional no campo do medio ambiente, patrimonio etnográfico e histórico que xuntan os seus esforzos en prol do coñecemento e defensa dun territorio privilexiado en riqueza natural e etnográfica, pero fortemente ameazado por proxectos degradativos que petrenden transformar e destruir para sempre a paixase, a historia e as costumes dos seus poboadores.

-Ese afán de velar pola conservación do patrimonio natural vai na liña de traballo do GDR Terra e Auga, ¿dende cando pertencen ao Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga e cal cre que é a súa importancia?

Julio Eiroa: O grupo de estudos (GESDOGAL) forma parte da directiva do GDR Terra e Agua dende o ano 2022, formando parte como asociación pola conservación da natureza, aportando o coñecemento nas decisións que poidan ter efecto sobre o patrimonio natural do territorio. Precisamente esta intención do GDR Terra e Auga de agruparnos en mesas de traballo que representen distintos sectores, social, económico, medioambiental, artístico… é o aspecto máis salientable xa que amosa unha ollada dende o profesional e dende o coñecemento que cada un ten do seu. Ter unha entidade que nos agrupe e que nos conecte e coordine para a dinamización do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas é fundamental.

-Nestes anos de traballo, ¿en que centraron os seus folgos?

Julio Eiroa: Sobre todo na redacción técnica de informes a favor da conservación e protección do patrimonio natural e cultural nos alegatos contra os proxectos industriais nas serras e vales, como son proxectos eólicos, solares ou canteiras.

-Pero tamén na publicación de estudos sobre a fauna e flora, ¿non?

Julio Eiroa: Si, centrados nas serras e vales do sur da dorsal galega, vimos de publicar recentemente na revista de divulgación científica “The Wildlife Professional” un artigo sobre a enfermidade da sarna e a poboación de lobo ibérico, a publicación científica dos datos de 14 anos de estudo dos Axentes Ambientais do Distrito XVII, sobre a tendencia poboacional da lebre ibérica nas serras do sur da Dorsal na revista Galemys da SECEM (Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos) ou a publicación na revista científica “Entomological Science” da actividade depredadora do escarabello Dytiscus en dous eventos filmados e e rexistrados na natureza por primeira vez e nestas serras.

 -Cal é a importancia de publicar?

-Julio Eiroa: Pois, para GESDOGAL é importante porque permite visibilizar unha riqueza, darlle respaldo con criterios científicos e atopar o apoio dun colectivo experto que poida interesarse polo noso territorio .

-En que están mergullados nestes intres?

-Julio Eiroa: Na actualidade o GESDOGAL segue varios frentes de estudos, como son os estudos sobre a dieta do lobo ibérico deste territorio, a revisión e inventariado do patrimonio gandeiro das serras, a conservación de material bibliográfico histórico de parroquias, estudos de cambio climático nos medios acuáticos ou estudos faunísticos de detección e seguimento, como son as poboacións de morcegos e das tartarañas que chegan mais alá do Sáhara para criar no mato das serras do sur da Dorsal.

Que comprende o sur da Dorsal Galega na que traballa GESDOGAL?

-Julio Eiroa: O sur da Dorsal Galega encádrase entre as provincias galegas de Pontevedra e Ourense, onde se elevan as serras e fenden os ríos máis antigos da Península Ibérica. A serra do Suído, os Montes de Alén ou Montemaior,  a serra do Faro de Avión, a serra de Montouto e A Paradanta e ríos tan importantes para a vida como o Tea, Alén, Xesta (Oitavén) ou Avia.

GESDOGALGESDOGAL