Familias do Condado Paradanta participaron nunha xornada formativa sobre alimentación saudable, que tivo lugar o martes, 30 de maio no auditorio municipal de Covelo.
A xornada enmarcase dentro do programa Ecocomedores, un proxecto de Cooperación LEADER, no que participa o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paranta para promover nos menús dos centros escolares, produtos locais, ecolóxicos e de tempada.
A sesión, impartida pola empresa especializada en nutrición infantil, Nutricoles, busca implicar ás familias na promoción de hábitos alimenticios positivos, que favorezan non só a saúde das nenas e nenos, senón tamén que apoien e impulsen a produción de proximidade.
Participantes no proxecto
No proxecto Ecocomedores participa o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) do territorio, xunto con outros dez GDR da comunidade, Gadisa e a Axencia Galega de Servizos. No territorio do Condado Paradanta, sumáronse dous centros de ensino, os C.E.I.P Marquesa Pazo da Mercé das Neves e o Antonio Blanco Rodríguez do concello de Covelo.
Os colexios formarán parte de diversas actividades, entre as que se atopa a incorporación de produtos locais, e cando se poida procedentes de producións ecolóxicas. Tamén se realizará unha ‘xornada de produto’ onde o equipo de EcoComedores subministrará alimentos para que o menú dese día se cociñe cos produtos achegados.
A vindeira xornada formativa será o xoves, 8 de xuño no concello das Neves.