A Cañiza, 27 de outubro de 2022.- O Grupo de Desenvolvemento Rural do Condado Paradanta, presenta a exposición fotográfica “Visións do Territorio” que contempla 90 imaxes da zona, entre as que se inclúe e unha selección das mellores instantáneas realizadas polos participantes dos tres concursos de fotografía organizados polo GDR.
A mostra, que foi financiada con fondos LEADER 2014 -2020 da Xunta de Galicia, exporase en dous escenarios: un exterior, no que se situarán estruturas con forma de cubos que terán como obxectivo proxectar o xeodestino Condado Paradanta; e un interior, no que se mostrarán as fotografías impresas de maneira individual. O punto de encontro entre os espazos atópase nas pezas exteriores, que contan cun mapa onde se xeolocalizan as fotografías da exposición. De este xeito o público poderá coñecer en que puntos do Condado Paradanta se capturaron cada unha das imaxes.
Para o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo con esta actuación “preténdese visibilizar o valor natural, turístico e de patrimonio do territorio, tendo en conta cada un dos concellos que o compoñen”.
Exposición itinerante
A exposición que percorrerá os dez concellos que conforman o territorio do GDR Condado Paradanta, inaugurarase o vindeiro sábado, 29 de outubro as 12:45. A exposición interior estará na Casa da Xuventude e a exterior, na Praza Maior do Concello de As Neves. Poderá visitarse nestes puntos, ata o 2 de novembro.
Segundo o presidente da entidade supramunicipal, acordouse presentar a exposición no marco do proxecto ‘1º Encontro de Artes e Territorio’ por ser un espazo singular e innovador na promoción turística. Tamén destaca a relevancia de fomentar as sinerxías entre concellos e o tecido asociativo, “especialmente en iniciativas de dinamización como a exposición “Visións do Territorio”.
O anterior indica que despois de As Neves a exposición presentarase nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Pontereas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, segundo o demanden as propias administracións locais.
Proceso participativo
Ademais da posta en marcha da exposición fotográfica, o GDR acordou o martes en Xunta Directiva, iniciar o proceso participativo para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local (EDPL) a executar no seguinte período Leader 2023 – 2027.
“Pensa, actúa e constrúe territorio” é o nome do proceso que incluirá diferentes etapas, que terá como denominador común, recoller as necesidades, coñecemento e propostas que a cidadanía poida ter a prol do crecemento territorial.
O procedemento comezará con entrevistas semiestruturadas a persoas significativas dos diferentes municipios e seguirá cunha enquisa online aberta a toda a veciñanza. Tamén se realizarán obradoiros coas mesas sectoriais das entidades socias e grupos focais de interese. Finalmente e despois de analizar a información obtida durante todo o procedemento, presentaranse as conclusións. “Esta é unha iniciativa viva, que pode variar a súa estrutura e aumentar o número de accións segundo se vaia desenvolvendo”, apunta Juan Pablo Castillo.