A Cañiza, 17 de novembro de 2022, Continúa o proceso para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) coa elaboración dunha enquisa aberta á cidadanía e a realización de obradoiros sectoriais. A preparación da Estratexia é fundamental para definir, entre outras cuestións, o tipo de proxectos que se financiarán no período 2023 – 2027.
O procedemento da EDLP segue a metodoloxía Leader, que consiste en implicar aos axentes locais no deseño e a execución de estratexias, toma de decisións e asignación de recursos para o desenvolvemento das zonas rurais. Tal e como explica o presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo, “o procedemento é de abaixo cara arriba, co fin de atender as necesidades reais das zonas, e promover a participación cidadá”.
Enquisa e obradoiros
Coa finalidade de recoller a maior información posible e atender ás achegas da maioría da poboación, o GDR Condado Paradanta leva semanas traballando na elaboración da EDLP. A primeira fase consistiu na realización de entrevistas semiestructuradas con persoas significativas e vinculadas ao territorio.
Na actualidade, a entidade supramunicipal ten a disposición de toda a cidadanía unha enquisa pública que poden responder desde a web do GDR. Con ela procúrase recoller información sobre as posibilidades de desenvolvemento das diferentes áreas do territorio, como poden ser o sector agrario, o turismo ou o ámbito cultural, entre outros.
Para complementar os datos, o Grupo de Desenvolvemento Rural vén de convocar obradoiros dirixidos ás mesas sectoriais da organización e á veciñanza identificada con algunha das áreas implicadas.
O primeiro realizarase o xoves, 24 de novembro, na Casa da Xuventude do Concello de As Neves, de 19:00 á 20:30 horas, coas mesas de Mulleres, Mocidade e Acción Social.
O venres 25, no mesmo horario, realizarase en Salvaterra de Miño, na Casa do Conde, o obradoiro do sector Forestal, Agrario, Empresarial e de Asociacións de profesionais.
O mércores 30, na Biblioteca Municipal de Mondariz, tamén ás 19:00 horas, realizarase o encontro coas mesas do ámbito Ambiental, Asociacións Culturais, Organizacións Deportivas e Etnográficas.
O sector institucional reunirase o xoves, 1 de decembro, no Salón del Plenos do Concello de Covelo.
Caixa de suxestións
Seguindo o principio de “portas abertas” polo que se rexe o GDR, tamén se porá a disposición da cidadanía unha caixa de suxestións, para que tódalas persoas que o desexen poidan deixar as súas propostas e participar do desenvolvemento local.
Así mesmo, aquelas entidades que queiran adherirse ao Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, poderán facelo en calquera momento do ano.