Neste momento estás a ver Ecocelta, beneficiaria do programa LEADER

Ecocelta, beneficiaria do programa LEADER

A empresa ECOCELTA situada na parroquia de Pías en Ponteareas, aumenta os seus servizos de xestión ambiental no rural da man do programa LEADER tramitado a través do GDR Terra e Auga coa adquisición dun novo equipamento.

Neste ano a compra dun secadoiro, do que ata o de agora non dispuñan, abriu novas vías de negocio e contribúe á oferta de servizos necesarios para o sector agroindustrial da contorna.  O secadoiro supón un servizo indispensable dada a climatoloxía da zona con niveis altos de  humidade, o que, ata o momento, limitaba á recepción de materias primas, como estercos cunha porcentaxe de humidade superior ao corenta por cento e derivados.

Grazas á colaboración do GDR Terra e Auga como xestor dos fondos LEADER no territorio, a empresa Ecocelta recibirá o apoio do  45,33%  (29.419,17euros) para o proxecto “instalación de secadoiro para deshidratación de gallinacea e outros subprodutos agroindustriais” que conta cun orzamento total de 64.900€.

Secadoiro a medida para Ecocelta

“A axuda Leader permite aumentar a nosa capacidade de xestión, ademais unha xestión sostible para todo o sector agrogandeiro da zona. Detectamos que no mercado existían secadoiros de biomasa pero non de esterco e tivemos que contratar unha empresa que realizara un secadoiro a propósito para nós e para as condicións coas que traballamos. Deben ter en conta con moitas variables de humidade, que fai que precisemos unha máquina moi particular, e este ano procedemos á contratación e instalación”, explican dende a directiva. Un avance no seu sistema de  produción pero tamén un servizo para a zona.

Así este ano comezaron xa a traballar e a innovar probando non só a secar a materia prima, tamén o produto final acadando bos resultados dando un mellor servizo ao sector e respondendo así a unha necesidade existente dende hai anos. “Traballamos para dar solucións innovadoras que respondan ás necesidades da contorna, promovemos dende a nosa creación a economía circular, traballamos atendendo á demanda da comunidade e ao igual que o GDR Terra e Auga apostamos polo rural e polo desenvolvemento sostible”.

Novo produto Ecocelta

Coa innovación por bandeira e con altas doses de investigación e creatividade veñen de lanzar o Humus Tea bag, unhas bolsas con humus de miñoca de alta calidade que contén, entre outros ingredientes, algas procedentes das rías galegas. Débese diluír en auga para preparar unha infusión bioestimulante que se aplica no rego ou pulverizando e que estimula o crecemento das plantas, a frutificación e floración. Unha infusión en auga fría ao alcance de calquera na tenda online de Ecocelta.

Tamén veñen de estrear Arenamar,  unha area para gatos totalmente natural e con materias primas galegas, da que se fixeron eco en distintos medios de comunicación de toda España.

Ecocelta