Ademais do patrimonio cultural e natural galego, un dos principais motivos polos que visitantes e turistas se achegan a Galicia é pola súa gastronomía. Neste senso, a experiencia gastronómica está a ser un recurso turístico clave, especialmente naquelas zonas onde a materia prima de orixe é, en si mesma, un valor diferencial.
Este é o caso do territorio do Condado Paradanta, que ademais de contar cunha gran riqueza culinaria tamén dispón dunha destacada produción vitivinícola, o que o fai un destino de gran atractivo para o tempo de lecer.
Consciente deste potencial, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta, presentou o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), enmarcado no “Plan Territorial Enogastronómico de Galicia 2023-2025”, que e a finais de 2022, foi aprobado con 1,5 millóns de euros para impulsar a enogastronomía no seu territorio de actuación. O apoio da Administración xeral e autonómica “significa un recoñecemento á singularidade do destino, que conta con diversas festas gastronómicas de Interese Turístico e produción vitivinícola da subzona da D.O Rías Baixas” apunta o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo.
Festa de Interese Turístico
A forte tradición gastronómica e enográfica valéronlle ao territorio do GDR Condado Paradanta diversas declaracións de Interese Turístico tanto a nivel galego como internacional.
A Festa do xamón da Cañiza, da Festa da lamprea seca de Arbo, a Festa do Requeixo das Neves e a Festa do viño do Condado de Tea (que se celebra do 24 ao 27 de agosto en Salvaterra de Miño) están declaradas como Festa de Interese Turístico de Galicia, e a Festa da Lamprea de Arbo, que ten lugar a última semana de abril, conta con recoñecemento internacional.
Todas elas son grandes oportunidades para degustar produtos típicos da zona, ao tempo que se participa en eventos culturais de gran tradición e arraigo no territorio, apuntan dende a entidade supramunicipal.
Calidade certificada
Para gozar dunha experiencia coherente e de calidade garantida, dende o GDR Condado Paradanta recomendan confiar nos establecementos e empresas de servizos que contan con distintivo SICTED. Este é un selo de calidade a nivel estatal, que certifica o bo facer das empresas turísticas dun xeodestino.
No Condado Paradanta, o programa está xestionado polo GDR e xa conta con 50 empresas certificadas, que pertencen a diferentes sectores do ámbito turístico. As persoas interesadas poden consultar a listaxe aquí.