Neste momento estás a ver A CMVMC de Toutón avalía futuros aproveitamentos do solo forestal

A CMVMC de Toutón avalía futuros aproveitamentos do solo forestal

Integrada por cen comuneiros e unha superficie de 715 hectáreas, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Toutón en Mondariz estuda novos proxectos de xestión do monte.

Entre os seus obxectivos principais prevalece a protección do medio natural, a través dunha xestión respectuosa, a mellora da calidade de vida da veciñanza e a procura de novas oportunidades de explotación propias do solo forestal. Cuestións nas que coincide coa estratexia de crecemento do GDR Terra e Auga “Reverdecendo”.

A agrupación, que en 2019 foi beneficiada polos fondos LEADER, (xestionados polo  GDR Terra e Agua), para a creación dun parque infantil, considera necesario activar novas vías de aproveitamento forestais, ao tempo que analiza a posibilidade de crear unha comunidade enerxética da que poida beneficiarse a veciñanza.

A este respecto, o presidente da CMVMC de Toutón, Jesús Fernández, considera necesario que as veciñas e veciños coñezan os diferentes aproveitamentos que se pode facer do monte, ao tempo que coñecen como estes poden mellorar a calidade de vida das persoas.

CMVMC de Toutón e diferentes usos do monte

A entidade veciñal, que segue de preto as intervencións que se fan en comunidades de montes veciñas, amósase en desacordo coa actividade agraria en ámbitos forestais, polo que Fernández apunta que “algunhas actividades deberían realizarse en zonas achegadas ás casas,  e en terreos tradicionalmente agrarios”.

“O monte pode ter aproveitamentos, a nós gustaríanos recuperar a gandería e os pasteiros, que puideran ser xestionados por unha cooperativa veciñal. Tamén cremos necesario estudar o aproveitamento da resina, o cultivo de fungos, a apicultura ou a caza”  insiste o presidente da CMVMC de Toutón, quen se lamenta da falta de recursos para poder levar a cabo a tódalas iniciativas.

Ollada crítica

Analizando o sector, Fernández asegura que a CMVMC de Toutón, preocúpalle a forma a forma  de explotación dos dereitos de captación de CO2, “hai apartados da lei que parece que promocionan o cerillazo xa que estes fondos recaen con máis facilidade nas zonas que sofren incendios e poden beneficiarse especies de crecemento rápido como o eucalipto. Especies que no seu aproveitamento e plantación xeran moito CO2 terminando nun ciclo de pasta de celulosa que, unha vez máis, no seu procesado emite moita contaminación. En vez de axudar na conservación das masas xa consolidadas e que reteñen moito máis CO2.  Tamén lamentamos que a escasa lexislación na defensa do monte non se aplique con contundencia, que se permitan plantacións ilegais, que se faga un cambio de uso de terreo agrícola a forestal e non se tomen medidas. Que cada vez o monte chegue máis aos núcleos de poboación e non se fomente as plantacións agrícolas e o mercado de cercanía”.

Proxecto LEADER

Hai pouco máis de 5 anos a CMVMC de Toutón recibiu 16.107,23€ de axudas LEADER para construír un parque infantil con zona biosaudable, dixida ás persoas adultas.  Agora, este parque infantil, que contou con gran acollida,

Require unha mellora e unha actualización que a comunidade de montes considera prioritaria. A súa intención é instalar un solo termoespumado e novos elementos que promovan un circuíto de xogo para as crianzas,  mantendo tamén un espazo para a práctica de exercicios para os maiores.

Precisamente coas cativas e cativos a agrupación realiza anualmente unha plantación de arborado no monte, co obxectivo de concienciar aos máis pequenos  e implicalos no coidado e mantemento do seu territorio.

Ademais, na súa listaxe de actuacións, está a mellora dunha fonte en perigo de derrubamento e a recuperación da casa reitoral que veñen de mercar. “É un espazo fermoso con case unha hectárea de terreo que nos gustaría conveniar coa administración para acoller un centro de día ou un albergue, un novo servizo para a comunidade e facer así que o monte xere riqueza a través de novos servizos”. Tamén precisan mercar maquinaria e un vehículo tipo pick up cunha bomba e depósito auxiliar para poder apagar un pequeno lume  e evitar a súa propagación, unha problemática que lles preocupa moito, considerando imprescindible crear máis franxas de protección e un control da masa do monte.

Colaboración

Ao igual que o GDR Terra e Auga cren no traballo en equipo con institucións e administracións e na necesidade de tecer redes para que o monte xere vida. Neste senso, o presidente da CMVMC salienta a necesidade de accións formativas e de sensibilización e adianta outras das liñas nas que lle gustaría traballar, unha horta solar con vantaxes  para a veciñanza e a posta en valor da paisaxe como reclamo para visitantes.  Potenciando zonas singulares como os soutos de castiñeiros, sendeiros polas paraxes de Toutón ou a  práctica do deporte o aire libre.

CMVMC de Toutón CMVMC