Neste momento estás a ver César Gil, alcalde de Mondariz Balneario “A vila termal é un escaparate idóneo para dar a coñecer o noso territorio en conxunto”

César Gil, alcalde de Mondariz Balneario “A vila termal é un escaparate idóneo para dar a coñecer o noso territorio en conxunto”

Mondariz Balneario acollerá o Día Europeo do Patrimonio Termal, do 11 ao 13 de outubro, unha iniciativa promovida pola Asociación Europea de Vilas Termais, e coa que colabora o GDR Condado Paradanta, a Administración local, Balneario Mondiz e Augas de Mondariz.

En entrevista co alcalde do municipio, César Gil, falamos do evento que contemplará durante varios días diversas conferencias, así como vistas guiadas por diferentes puntos patrimoniais do territorio. Nesta ocasión, como xa fora décadas atrás, a vila termal sitúa ao Condado Paradanta no mapa internacional, brindando, segundo o seu rexedor,  unha nova oportunidade de promoción turística global.

1.- Coincidindo co 150 aniversario da declaración de Utilidade Pública das augas de Mondariz, o concello de Mondariz Balneario será a sede do Día Europeo do Patrimonio Termal, que supón este evento para o municipio?

Un día histórico, para nós como concello será un evento importantísimo xa que é colocar no mapa do termalismo internacional o municipio máis pequeno de España. Como Alcalde en representación de todos os veciños e veciñas de Mondariz Balneario é unha honra poder albergar este congreso onde imos a aprender doutros lugares que son unha marabilla e imos poder ensinar toda a riqueza do noso concello e da nosa comarca.

2.- Cales son os aspectos máis destacados do patrimonio termal de Mondariz Balneario e que se porán en valor durante o evento?

Mondariz Balneario non se entendería se non estivera unida ao termalismo, co cal o noso municipio é un patrimonio termal en conxunto. Dende a fonte máis pequena ata os nosos emblemas como a Fonte de Gándara ou a Fonte de Troncoso. O que buscamos é por en valor  a calidade das nosas augas e instalacións termais, pero tamén potenciar a riqueza arquitectónica que rodea Mondariz Balneario e súa historia,  todo isto, faino un destino marabilloso para coñecer.

3.- O programa contempla conferencias e visitas a puntos de especial relevancia para o termalismo e o territorio do Condado Paradanta, cal será o percorrido en Mondariz Balneario?

A verdade, temos un programa completísimo. En Mondariz Balneario coñecermos a historia das nosas fontes, dos nosos edificios, das nosas pensións, fondas, etc. Tamén faremos unha visita polos xardíns históricos da man dos mellores expertos nesta materia e como se fóra pouco, viaxaremos no tempo e transportaremos aos asistentes ao Mondariz Balneario de 1920.

4.- De que xeito esta iniciativa beneficia á comunidade local e ao xeodestino Terras do Condado Paradanta?

Como Alcalde de Mondariz Balneario entendo a riqueza do concello como algo global. Temos un xeodestino que moitos outros lugares quixeran, contamos con todo o que buscan os turistas e os propios veciños de cada localidade. Penso que pode ser o escaparate idóneo para dar a coñecer o noso territorio en conxunto e que as persoas que asisten ao evento promovan internacionalmente a nosa zona.

5.- A nivel de turismo termal,  que desafíos debe asumir con concello de Mondariz Balneario nun futuro?

Temos que traballar de xeito constante,  xa que o turismo termal vai mudando co tempo e debemos ter a capacidade de adaptarnos, e sacarlle todo o potencial á vila. Debemos promover iniciativas novidosas, creatividade nas ofertas e que complementen á actividade termal,  para así facer máis atractiva a experiencia da saúde e descanso. Nestes momentos as visitas  piden algo máis e nós temos que traballar para ofrecerllo.