Neste momento estás a ver Centro Trail Running, o primeiro da provincia

Centro Trail Running, o primeiro da provincia

Comezaron os traballos de sinalización do que será o primeiro Centro Trail Running (TRC) da provincia. Da man da Real Federación Española de Atletismo o GDR Terra e Auga deseñou os tres tramos do TRC que percorren Mondariz, Ponteareas e Salceda de Caselas.

Cos obxectivos de dinamizar o territorio con servizos e propostas de calidade e de promover hábitos de vida saudables e harmónicos co medio natural, o GDR Terra e Auga dota dunha nova infraestrutura que permitirá descubrir o Xeodestino Condado Paradanta a través do deporte na natureza. Tres tramos de diferentes niveis repartidos nos tres concellos e coa posibilidade de enlazalos, nutren a iniciativa que colle forma coa colocación das primeiras sinalizacións nos tramos de Salceda de Caselas e Ponteareas do Centro Trail Running do territorio.

Centro Trail Running

O Centro Trail Running Condado Paradanta avanza para ser unha realidade nos vindeiros meses. Ofrecerá tres tramos, o R1 no concello de Ponteareas, que terá o punto de recepción no centro cultural de Guláns cun percorrido de 7 km e que da a posibilidade de ampliar a ruta enlacando coa R2 no alto de San Cibrán. A R2, ruta do concello de Salceda de Caselas que sae dende o campo de fútbol da Picoña con 16 km. Por último, o tramo do concello de Mondariz, o R3, ofrecerá un punto de recepción na zona da Minada xunto ás pistas deportivas e de pump track e estenderase ao longo de 27 km.

O GDR Terra e Auga, coa creación do Centro Trail Running xera un novo recurso turístico e deportivo e contribúe ao desenvolvemento económico da zona, ademais de supor unha posta en valor do patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural. Este proxecto da entidade supramunicipal conta co apoio da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que cofinancia cunha achega de 18.000€, o 60% do proxecto aportando o GDR Terra e Auga o importe restante.

Pioneiro da provincia de Pontevedra

O presidente do GDR, Pablo Castillo, sinala que o Centro Trail Running cubre unha demanda da cidadanía ao non existir ningún centro similar na provincia de Pontevedra pero tamén dinamizará o territorio ao formar parte dunha oferta estatal especializada en Trail Running acreditada pola RFEA e o asociará a importantes marcas de destinos turísticos de natureza de España. “Será tamén unha oportunidade de abrir sinerxias entre diferentes territorios de España a través dos Centros de Trail Running e vencellará o Xeodestino Condado Paradanta cun proxecto turístico-deportivo”.

Paco González, xerente do GDR Terra e Auga, adianta que nos vindeiros meses completaranse as obras de sinalización e desbroce nos tres percorridos co obxectivo de que esta primeira fase do TRC entre en funcionamento a finais do verán.