Con case 50 anos de traxectoria, Bodegas As Laxas, en Arbo, posiciónase como un referente do enoturismo no xeodestino Terras do Condado Paradanta, especialmente entre a xuventude.
Sen perder a súa orixe e co apoio de fondos LEADER, en 2019 a adega converteu o almacén, e a antiga liña de embotellado, nunha sala de catas con espazo para unha tenda na que vender os seus viños. A intervención, que supuxo unha axuda de 103.549,54€ dou inicio a unha nova etapa da empresa, achegando unha dimensión turística ao negocio e dinamizando o territorio a través dun dos seus valores diferenciais, a viticultura.
Dende entón, a
adega participa activamente nas distintas iniciativas de promoción turística que organiza o GDR a través do xeodestino, ofrecendo visitas guiadas pola finca, á liña de embotellado e á sala de catas. Así mesmo, a través do “Pasaporte ao Condado Paradanta” (iniciativa impulsada polo GDR) As Laxas oferta a experiencia de participar nunha cata entre viñedos, unha vivencia única, que permite gozar das espectaculares vistas que hai dende o seu miradoiro á vila de Arbo e Portugal.
As Laxas e os novos públicos
O cultivo dos viños da denominación de orixe “Rías Baixas”, e a súa tradición adegueira, inmersa en contornas naturais de grande beleza, expertan o interese das xeracións máis novas, sendo cada día máis frecuente as reservas de grupos de idades comprendidas entre os 20 e 30 anos.
Segundo Andrea Estévez, do departamento de enoturismo e back office de As Laxas, nos últimos anos incrementouse o número de xoves interesados polo mundo do viño, que se achegan de maneira individual ou colectiva á adega para percorrer as vides e participar de catas. “
Normalmente é un público que deseña unha estancia de varios días, nos que tamén buscan coñecer a riqueza patrimonial e medio ambiental do noso concello, pernoctando na zona e descubrindo a nosa gastronomía”, apunta Estévez.
Neste senso, a profesional destaca que o territorio ofrece actividades para tódalas idades o que está a repercutir no repunte de iniciativas de lecer ao aire libre como o rafting, o puenting, o sendeirismo, as rutas en bicicleta, as visitas guiadas ou diferentes experiencias gastronómicas.
Estevez asegura que esta tendencia é posible grazas aos esforzos das e dos emprendedores locais que, apoiados no
GDR deseñan accións conxuntas.
“É indispensable contar cunha entidade como o GDR Terra e Auga que nos conecta, que detecta necesidades comúns, aporta solucións e da apoio en formación e tramitación de subvencións que facilitan a apertura de novas vías de negocio. A través da visión ampla que ten o GDR facémonos fortes traballando en conxunto e deseñando estratexias que ofrezan todo o que o visitante e as persoas residentes poidan precisar”.
Mercado internacional
Bodegas As Laxas traballa con mimo nunha extensión de cen hectáreas, unhas terras que os seus antecesores xa utilizaban para elaborar viño, a finais do século XIX. A adega que hoxe coñecemos, nace no ano 1975 cando a familia Simón Ferro adquire as adegas que xa elaboraban viños do Condado desde 1862.
Sen esquecer a tradición, pero sempre pendentes das novas tendencias, a empresa foi introducindo, de maneira paulatina, as máis modernas técnicas de elaboración, para acadar na actualidade unha produción aproximada dun millón de botellas, das cales un 60% (aproximadamente) se distribúe en España.
Con todo, os diferentes premios acadados a nivel nacional e internacional e unha rede de comercialización experta sitúan aos viños de As Laxas en máis de vinte países. Entre eles destacan no continente americano, EE.UU, Porto Rico e México; en Asia, Xapón e Filipinas e en Europa, Bélxica e Reino Unido.