O Hotel Cemar é un dos clásicos do aloxamento turístico no Xeodestino Condado Paradanta. Alí chegou fai uns anos Bernardo Acevedo, en calidade de director e co obxectivo de marcar unha orde na oferta turística que integrase ao hotel no complexo naturalcemar. Bernardo foi un dos promotores da constitución da Asociación de Turismo do Xeodestino Condado Paradanta e actualmente preside dita asociación con retos que abordar neste 2025.
Coa súa chegada ao Hotel Cemar fai uns anos, cales foron os seus obxectivos e retos que se plantexou a nivel profesional para o hotel?
Os retos eran moitos e diferentes pero esencialmente marcar unha orde que lle dese sentido á nosa oferta turístca como hotel. Sempre tivemos claro que non queríamos ser un máis no sector, por ese motivo comezamos a traballar como complexo, dende unha visión globlal, que nos permitise ser diferenciadores.
Buscamos ser un motor que poña en valor os sectores que están ao noso redor, especialmente vinculados coa natureza e o deporte, completando asi a oferta de aloxamento cunha oferta lúdica que nos permita seguir traballando como complexo turístico.
De que maneira se integra Hotel Cemar no desenvolvemento do xeodestino Condado Paradanta?
Actualmente como un produto máis dentro da oferta do Xeodestino Condado Paradanta, un xeodestino que aínda se está a traballar e onde se está a facer unha gran labor. Sen embargo, ao meu parecer, os axentes que conformamos o Xeodestino, tanto privados como públicos, estamos na obroga de por en valor este produto do Xeodestino.
Un Xeodestino Condado Paradanta que conta con un par de baluartes turísticos pero que coa ampla e diversa oferta ao redor conforma un destino diferente. Ao mesmo tempo, é necesario que o Xeodestino remate de definirse, de saber o que quere para poder saír e venderse ao mundo.
Hotel Cemar conta co certificado SICTED, que acredita a calidade dos seus servizos. Que supón este selo para o seu negocio?
O selo de calidade turística SICTED é para nós como complexo turístico un auténtico valor. No noso sector, no sector hoteleiro, onde é complicado entrar no recoñecemento de estrelas, moitas veces non polos servizos se non simplemente por non cumprir algún parámetro de metros, SICTED valora o esforzo, o equipo, o produto e a intención de mellora continua na calidade do teu servizo e atención ao cliente.
Hotel Cemar, na súa persoa, preside a Asociación de Turismo do Condado Paradanta que se atopa en fase de constitución, Que obxectivos se marcan dende a Asociación para este ano 2025?
Como Asociación, o obxectivo principal é o de por en valor a Asociación e ao propio sector turístico do Xeodestino. Ben é certo que non está a ser un proceso doado porque o propio sector ten que crer, crer en que a unión fai a forza. Se estamos unidos non funcionamos como competencia, funcionaremos como compañeiros de viaxe que ten como punto final o cliente e a súa satisfacción.
Para acadar iso, seguiremos traballando internamente, buscando conformar unha estrutura sólida dende o punto de vista organizativo e legal para a asociación, ao tempo que consolidar a idea dos socios fundadores de que a inversión do tempo na asociación e investir no sector.
Por último e de cara ao segundo semestre deste 2025, queremos comeza a funcionar como altavoz das empresas que conforman o sector turístico do Xeodestino cara as administracións públicas, sabemos o que o sector necesita e así o demandaremos.
Xa para rematar, cales son os motivos, ao seu parecer, polos que os turistas e visitantes non deben deixar de vir polo Xeodestino Condado Paradanta?
Témolo todo! Temos unha localización excelente, por terra, mar e aire, con moi boas comunicacións. Estamos preto dos aeroportos de Vigo, Santiago e Oporto, da estación de tren de Ourense con conexión con Madrid en AVE e de dous importantes portos con paradas frecuentes de cruceiros como son Oporto e Vigo.
Non estamos lonxe, temos a obriga de paquetizar e crear produto para cada un deses perfís de turistas. Aquí somos terra e auga, somos natureza, somos colores vivos, os galegos non saímos todos os días ás seis da mañan a pintar os nosos montes, eles teñen vida propia e dese destino natural como é o noso despréndese unha oferta rica, variada e de calidade a disposición de visitantes e turistas.